Patrocinado porPatrocinado por

Desculpas por non poder ir á homenaxe do Villa de Pitanxo

Basilio Otero PRESIDENTE DA FEDERACIÓN NACIONAL DE CONFRARÍAS DE PESCADORES (FNCP)

SOMOS MAR

ADRIÁN BAÚLDE

17 feb 2025 . Actualizado á 10:59 h.

A semana pasada foi longa, moi longa.

Aínda que empezou rara ao coller avión ás 13.20 e o normal é collelo ás nove ou ás seis e media da mañá, coa consecuente madruga. Pero nesta ocasión non tiña reunión ata as 16.30. Ao entrar no avión fíxeno falando por teléfono, polo que antes de pór o pé dentro do avión mirei o asento, sempre o fago tres ou catro veces porque nunca me acordo, e esta vez a lie.

Pois resulta que como ía falando por teléfono, a pantalla de inicio do dispositivo non estaba activa e para buscar o asento entrei na aplicación onde teño os billetes, 14F. Bos días de rigor e ao chegar ao sitio pregúntame a azafata cal é o meu asento, 14 foxtrot dígolle.Subo a mochila, a maleta e o abrigo arriba e síntome, portelo como sempre. Estaba a rematar de embarcar todo o mundo e chega un mozo dicindo que estou no seu asento, volvo mirar o asento e vexo que estou no que me corresponde segundo o billete ata que me dou conta de que estaba a mirar o voo de volta. Despois das desculpas de rigor e facer levantar ao 14E e 14D déixolle sentar e diríxome ao 12A que era o asento que me indicaba o billete de ida.

Ups! o 12A está ocupado por unha moza, dígolle que ese é o meu asento e a moza sácame o seu billete, impreso e móstrame que o 12A é o seu asento, busco á azafata e a azafata dime, señor este voo que vostede esta vendo é do 6 de febreiro, o da semana pasada cando fun á presentación da ENA, Estratexia Nacional de Alimentación, co ministro Planas e o presidente do Goberno. Coa cabeza agachada busco o billete do 10 de febreiro e vexo que en realidade o asento é o 10F, busco o maldito asento rezando para que estea libre, son o último en sentarme e bingo, está libre. É mellor madrugar para que non me pasen estas cousas.

Xa en Madrid asisto á primeira reunión da comisión permanente da Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes). Neste mandato o presidente confiou en min para estar na área de presidencia.

O martes, xa en Madrid, asisto a unha videoconferencia sobre as eleccións da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP), empezamos co período electoral. Despois voume a Mariña Mercante para unha reunión coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e logo quédome con Ana Núñez, a subdirectora, para outra videoconferencia co sector do bonito. Vou correndo á oficina para a terceira videoconferencia co grupo de traballo de relacións laborais do Consello Económico e Social, empezamos un informe importante. Ao rematar empezamos a primeira reunión coa comisión electoral da FNCP e ao acabar esta, ratificación dos acordos co executivo.

Rematado o día e con fame, pois aínda non comera, fun ao hostal para deixar a mochila de traballo e baixo a cear unha hamburguesa, que xa eran horas ás nove da noite.

O mércores temos o grupo de traballo da memoria e o relatorio no VI Congreso Nacional da Real Liga Naval Española. Comparto mesa coa secretaria xeral de Pesca, con Rosa Quintana e con Javier Garat. Rematada esta mesa marcho ata o hostal mentres vou escoitando unha videoconferencia sobre transición enerxética.

O xoves toca madrugar para coller avión a Jerez de la Frontera, ao mediodía temos reunión co ministro. A sorpresa foi maiúscula ao ver á embarcación do Servizo Marítimo da Garda Civil, Río Arlanza. Miúda coincidencia, pensei, só falta que estean abordo Manu e Fede. Chamo ao segundo e non me responde e chamo ao primeiro e dime que si que están os dous. Vou ao peirao para saudalos, miúda sorpresa. Sempre me encanta ver ao Tete, o patrón maior de Sanlúcar, e nesta ocasión de agasallo Manu e Fede. A visita é curta e despois de estar con todos os amigos do Golfo de Cádiz ás cinco toca coller avión de volta para Madrid, ás oito tócame presentar un atún.

Chegados a Madrid vou a Casa Club Argo e presentamos o atún de 200 quilos que maxistralmente ronquean dous raparigos de Balfegó. Que arte para diseccionar un peixe deste tamaño, e que rico está o que de aí sae! Canso e rebentado chego ao hostal ás once da noite, porque toca volver madrugar o venres para coller avión para casa.

Xa na casa toca de novo vídeo co grupo de relacións laborais do CES e pola tarde presentación do vídeo que a OPP do Porto de Burela fixo sobre todos os actores que ten este porto. Hai que felicitar a Arracada e á OPP por este magnífico vídeo, nel represéntase perfectamente a vida do porto de Burela.

Teño que rematar este diario pedindo desculpas a Maria José Pazo porque non poder ir á homenaxe do Vila de Pitanxo, un problema de última hora impediumo, e aínda que a chamei para dicirllo, quero facelo tamén en público.

Non me queda máis nada que desexarvos unha feliz semana, comendo peixe, sendo sans e felices.