Biólogos da Consellería do Mar comparan os mecanismos de adhesión do viso da fazula obtida en criadeiro e a captada no medio natural
05 feb 2025 . Actualizado á 05:00 h.A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, debullou onte na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia a longa lista de proxectos nos que están inmersos os expertos dos centros de investigación adscritos á Consellería do Mar. Así, ademais de buscar estirpes de bivalvos resistentes ás baixadas de salinidade, tamén se investiga a ruta de entrada da marteilia nas glándulas dixestivas do berberecho e se existe un período de incubación ou latencia temporal entre o momento no que se contrae o parasito e a aparición dos primeiros síntomas.
Así mesmo, os biólogos están inmersos nun proxecto para comparar os patróns proteicos das placas adhesivas da fazula de criadeiro e da captada no medio natural, procedentes tanto de zonas de baixo como de alto desprendemento, para profundar nos mecanismos de adhesión do biso do mexillón e así desenvolver estratexias contra o desprendemento do mexillón en bateas.