Son consciente de que a opinión que tratarei de expor, comparada coa dos políticos que se encargan dos asuntos marítimos desde os seus despachos nas procelosas augas do estanque do Retiro, servirá de ben pouco. Aos políticos interésanlles máis as opinións dos lobis dos armadores pesqueiros, que as relativas aos ensinos náuticos, sempre conducentes á seguridade da flota.
Para empezar, diría que o mar, así, en feminino, esixe coñecementos que van máis aló das dimensións dun barco e incluso dos límites xeográficos da navegación. Ben o reflicte o dito do almirantazgo inglés: Reading a nautical chart, is not the same as knowing how to navigate. Para os que non practican un bo inglés, tan necesario na navegación marítima, vén dicir que non é cousa de navegar polo libro, senón de adquirir coñecementos náuticos e de navegación segura.
Pero España is different, e por iso o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, acaba de sacar un proxecto de lei que basea a súa argumentación en que a eslora dos barcos para facer prácticas non importa, pois, segundo alegan no seu razoamento, «a construción naval española tende á fabricación de buques mangones». E así, deste xeito, acéptase que, para ser capitán dun barco de 32 metros de eslora, sirvan as prácticas en chalanas de nove metros, en lugar dos xa escasos 12 metros anteriores. Pero, iso si, sempre que as embarcacións sexan mangonas… E a este paso, e por esixencias dos armadores pesqueiros, acabarán lexislando para que sexan válidas as prácticas nunha gabarra extractora de area ou nunha batea de mexillón, que ten unhas mangonas medidas de 20 x 27 metros, tamén flota e móvese segundo as correntes.
Cinguíndonos ao razoamento do proxecto lexislativo, para acceder ao título de patrón pesqueiro polivalente, a cuestión radica en facer as prácticas nun barco mangón, que teña moita manga, segundo a amentada nova tendencia na construción naval… Xa ven que todo vale para sacar adiante unha lei a gusto do consumidor.
Polo que puiden coñecer acerca do proxecto de lei sometido a información, e pecando un pouco de mal pensado, creo que ao lexislador lle importa unha figa en que barco se fagan as prácticas que conduzan a perfeccionar os coñecementos náuticos (como debería ser), senón máis ben —e tal que así o manifestan— «para cubrir a perentoria escaseza de capitáns na flota pesqueira».
O malo de todo isto é que eses patróns pesqueiros, serán os futuros máximos responsables de grandes barcos de 32 metros de eslora, con número ilimitado de tripulantes e posibilidade de dar a volta ao mundo sempre que non se afasten a máis de 100 millas de terra.
Iso si; contarán coa experiencia adquirida en chalanas mangonas de nove metros de eslora, esquecéndose dos criterios de ensino e prácticas que tan bos profesionais deron ao noso país. Non me cansarei de dicir que a escaseza de titulados débese a outras cuestións, non afastadas das condicións laborais.