Patrocinado porPatrocinado por

«Embaixador» por sorpresa

Basilio Otero PRESIDENTE DA FEDERACIÓN NACIONAL DE CONFRARÍAS DE PESCADORES

SOMOS MAR

Diario do presidente das confrarías españolas

20 may 2024 . Actualizado á 08:44 h.

Dúas semanas de novo, pero é que o tempo pasa máis rápido que as miñas opcións de escribir.

A semana do 6 ao 11 de maio paseina en Burela, con videoconferencias o luns e a visita do barco Intermares da Secretaría Xeral de Pesca, que chegou ese mesmo luns e que tivemos a sorte de visitar; e incluso impartir unha clase de nós aos nenos da Fundación Eu Son e Saúde Mental A Mariña. Fixéronme suar, pero paseimo en grande con eles. Hai que agradecer á Secretaría Xeral de Pesca, en particular a Pilar Vara, e á Armada que tripula o barco, en particular ao seu comandante, o capitán de corveta Pablo Ortega, a amabilidade cara a toda a xente que visitou o barco durante os 3 días que estivo en Burela.

Esa semana, ademais, celebráronse as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial de Expomar. Sempre que hai Expomar é unha semana esgotadora. Entre relatorios (por certo, este ano fíxenme maior, porque me deixaron dar a min a primeira que fago na miña casa, presentando o informe de pesca acuicultura e industria transformadora que realizamos no Consello Económico e Social (CES) de España e da que eu son relatora e presidente do grupo de traballo de agricultura e pesca) e o encontro empresarial (que nos leva a ter unha mañá intensa como poucas), a semana pasouse voando.

Por certo, na mañá do xoves, mentres estabamos no encontro empresarial ausenteime porque o meu bo amigo Marcelino Luna dixérame que tiña que subir ao IES Monte Castelo ás 11.00. A verdade é que non preguntei para que e subín coa miña mochila disposto a dar unha charla aos nenos como fixera outras veces. Marcelino non puido estar porque desgraciadamente lle faleceu a súa nai (un abrazo por aquí tamén Marcelino) e díxome que a subdirectora me recibiría que ela sabía. En recepción chamaron á subdirectora que saíu a recibirme. Na aula na que eu ía dar a suposta charla había tres ex-deputados disertando sobre política, aproveitando que era o día de Europa; invitáronme a subirme a falar onda eles e acábase a charla. Saímos e dinme que imos ao patio, que alí vai ser o acto. Vira ao pasar polo mesmo que había preparativos para celebrar o día de Europa. Dinme que xa me chamarán para subir ao atril e quédome no medio do resto do alumnado. A sorpresa chega cando desde o atril anuncian que me nomean Embaixador de honra do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo non curso 23/24. Miúda sorpresa que me levo! Sen dúbida é algo inesperado e moito menos merecido. A comunicación da pesca cos centros educativos é algo que estamos a fomentar, pero en ningún caso con ningunha pretensión de recoñecemento máis aló do recoñecemento do oficio de pescador. Eternamente agradecido!

A semana finaliza en Cangas do Morrazo, cunha nova concentración da pesca, que pide ser escoitada na difícil batalla coa eólica mariña.

Empeza unha nova semana. E do peor xeito o luns! Non merece a pena facer referencia a ese luns 13. Pola tarde voo a Madrid para poder coller o martes á primeira hora tren a Valladolid. Despois dunha videoconferencia coa Federación Española de Tríatlon (algo estamos a facer con ela que vos contarei pronto), visitamos a empresa A Laverca, propietaria dalgunhas empresas de peixe e cunha innovación a nivel mundial que fará que comer marisco sexa algo diferente en breve. Pola tarde, tren a Burgos, onde o mércores estamos na escola de Hostalería e Turismo explicándolle aos alumnos a forma de diferenciar peixes e diferentes formas de preparalos. O Chef Marcos, do restaurante A Oliveira, en Narón, e o Biólogo de Sinerxia, Javier Galdo son os protagonistas. A iniciativa encádrase no convenio de promoción que a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores temos con Alimentos de España.

Tócame de novo coller tren de Burgos a Madrid para asistir o xoves na capital á asemblea de Apromar, a maior Asociación de Acuicultura de España onde comparto mesa con Javier Garat, de Cepesca, e María Luisa Álvarez, de Fedepesca.

Pola tarde, de novo tren rumbo a Valencia para asistir, o venres, a unha xornada sobre substitución xeracional na Universidade Politécnica de Valencia, pero no Campus de Gandía. Remátase a semana e hai que desfacer o camiño feito, toca tren de Valencia a Madrid, noite en Madrid, e madrugar para coller o primeiro avión a Asturias. Está a rematarse a semana xa.

A Asturias chegamos con puntualidade, aínda que na T4 fanme cambiarme á T4S (odio ter que coller o tren automático que une as dúas terminal), coche e a Burela, a tempo para cambiarme e asistir á 14 edición de palilleiras que se fai na nave de redeiros. Nesta ocasión, preto de 700 persoas (mulleres a inmensa maioría) tecen auténticas obras de arte. Despois dunha comida (moi divertida como sempre), toca volver a casa para de novo cambiarse para asistir á cea do 25 aniversario da asociación Saúde Mental A Mariña, cea sempre divertida, moi divertida. Felicidades a todo o equipo que fai posible que a integración e o recoñecemento sexan posibles.

Despídome ata a semana que vén, semana de longo percorrido, de novo, e coas festas do pobo xa empezadas. Cólleme fose o comezo.

Gozade comendo peixe e sendo sans coa súa achega.