Patrocinado por Patrocinadopor

Mar eleva de 4 a 7 os puntos de control para o reconto de larvas de mexillón

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Óscar Vázquez

A medida compleméntase con outras como a redacción do plan de xestión da fazula ou o uso de drones para localizar zonas nas que hai cría

21 novs 2023 . Actualizado ás 04:45 h.

A principios deste ano, cando alá por marzo os bateeiros colgaron as cordas colectoras para obter cría, resulta que o mexillón xa había desovado con antelación e non houbo captación de fazula. Iso levou ao colectivo a pedir un número maior de recontos larvarios para coñecer o mellor momento para colocar as pescadoras. E a Consellería do Mar recolleu agora a testemuña. No novo convenio de colaboración que asinou coa Universidade de Vigo para continuar co estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón increméntanse de catro a sete os puntos de control. Aos catro que había en Moaña , Bueu, O Grove e a entrada da ría de Muros-Noia súmanse os de Liméns, na ría de Vigo; Aguiño, na marxe norte da ría de Arousa e Lorbé, na de Ares-Betanzos.

Con esas novas tomas tecerase unha rede suficiente que permitirá tamén obter «información sobre a evolución do recrutamento de semente do molusco nas rochas do litoral de Galicia», expuxo a Consellería do Mar nun comunicado.

O convenio, que foi asinado onte polo conselleiro Alfonso Villares e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, complementa as outras liñas de actuación nas que traballa a Xunta, como a redacción dun plan de xestión da fazula, «consensuado co sector» que actualice a orde do 2000 que rexe agora a recollida de cría, ademais da procura de alternativas para obter semente de mexillón ou o uso de drones para detectar desde o aire zonas nas que hai alevíns pero non ven porque son de difícil acceso a pé.

Alfonso Villares sinalou que está a dialogar con todos os implicados no proceso para fixar a apertura da campaña da fazula, que podería atrasarse por temor a que se resinta da baixa salinidade da auga.

Orzamento

A Consellería do Mar dedica 217.000 euros de fondos comunitarios para cubrir os tres anos do convenio mediante o que a Universidade de Vigo se encargará de identificar e recontar as larvas, detallando tanto o número das mesmas como a etapa de desenvolvemento na que se atopa. O acordo tamén dá continuidade á comisión de seguimento creada para garantir o cumprimento do convenio e as dúbidas que poidan xurdir.

Desde o 6 de marzo ata a semana pasada realizáronse un total de 34 informes de recontos larvarios, que permitiron «ao sector miticultor coñecer mellor a época e manexo para optimizar a captación de semente de molusco».