Patrocinado por Patrocinadopor

O cambio de estratexia comercial de parte dos produtores golpea ao Mexillón de Galicia

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

MONICA IRAGO

O volume de bivalvo certificado caeu un 8,5 % o ano pasado

21 jul 2022 . Actualizado ás 09:46 h.

O 2021 non foi o mellor ano de Mexillón de Galicia. Saíu ao mercado un 8,5 % menos cantidade de bivalvo con selo que no 2020, un ano marcado pola crise sanitaria. En total, vendéronse co distintivo da DOP (denominación de orixe protexida) 45.328.664 quilos. E aínda que creceu un 2,78 % o mexillón certificado no mercado en fresco (3.549 toneladas), non foi suficiente para compensar a caída do 9,4 % no destinado a industria (41.779 toneladas). Ese retroceso contrasta con «o déficit abafador de mexillón certificado», apuntan desde o Consello Regulador da DOP, organismo que non acerta a explicar «como habendo tal demanda de bivalvo con selo este non chega a quen poñen o produto no mercado», sinala Joaquín Garrido, secretario xeral do ente regulador.

Pero se ao Consello resúltalle difícil explicar esa incongruencia, fontes do sector bateeiro apuntan a que foi o cambio de estratexia comercial dunha parte dos produtores o que provocou unha caída nas cifras de certificación. Sinalan tamén que ese xiro viría da organización de produtores que no seu momento foi a principal impulsora do distintivo de orixe: Opmega.

Agora ben, non todo son malas noticias. Creceu o número de empresas e marcas autorizadas a comercializar Mexillón de Galicia, sumáronse máis bateas e o rendemento do bivalvo destinado a fresco acadou un 20 %; o de industria, un 22 %.