Patrocinado porPatrocinado por

O Consello emitirá en xuño a súa opinión sobre o regulamento de Control de Pesca

Somos Mar REDACCIÓN

SOMOS MAR

César Quian

A directora executiva da Axencia Europea da Pesca explicou á Eurocámara o seu programa de traballo

28 may 2021 . Actualizado á 04:52 h.

Reforzar as capacidades de control sobre o comercio pesqueiro, atender o novo escenario que se presenta tras a ruptura co Reino Unido, dar entrada ao big data e ás tecnoloxías da información e a comunicación na loita contra a pesca ilegal, facilitar o fluxo de información entre os Estados membro, procurar un terreo de xogo igualitario (level playing field) entre os socios... Susan Still, a nova directora executiva da Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA), con sede en Vigo, debullou o martes ante os membros da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo o plan de traballo que ten por diante en canto acabe o traspaso de poderes na institución, ata o de agora dirixida polo francés Pascal Savouret, cuxo traballo enxalzaron os eurodeputados.

Still confesou estar ansiosa por asentarse en Vigo por máis que teña por diante unha tarefa inxente, maior se cabe en canto chegue o momento de implementar as novas normas de control pesqueiro. Non será un traballo inmediato, pero si está máis preto.

Segundo revelou na sesión a socialista Clara Aguilera, relatora da opinión da Eurocámara sobre o controvertido regulamento, o Consello prevé anunciar a súa postura no mes de xuño, co que «posiblemente se poidan empezar en setembro os traballos». Comezarán nesa data os trílogos, a negociación entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello para dar co texto definitivo. Aguilera, á que en Galicia fixeron branco da contestación ás medidas que o regulamento trae para a flota de baixura, subliñou a importancia da reforma e a dificultade que entraña: «Non é doado, é un regulamento moi técnico e controvertido, con moitas discrepancias, pero xa se chega ao final», dixo. A socialista tamén apostou por dar maior responsabilidade á Axencia de Pesca de Vigo, para a que pediu máis recursos ante o reto que lle vén para o ano.

Pola súa banda, o eurodeputado popular Francisco Millán Mon, pediu flexibilidade para a pesca de baixura, que en Galicia hase revolto contra as medidas que trae o regulamento de Control Pesqueiro, algunhas das cales «son incompatibles coa súa actividade», especialmente no caso «do marisqueo», como é a obrigación de estar xeolocalizados e de declarar as capturas de forma telemática. Mon reclamou medidas proporcionais e graduais que non alenten a xeración de euroescépticos na pesca, dado que á fin e ao cabo «o control non é un fin, senón un medio».

Neste sentido, a directora executiva da EFCA pronunciouse a favor deses sistemas de circuíto pechado de televisión e de xeolocalización e explicou que se estivo traballando cos Estados membro para desenvolver esas ferramentas. Ferramentas que non substituirán a outras medidas, pero si que serán un avance importante e que o sector acabará por aceptalas, en canto coñezan as oportunidades que ofrecen.

Still tamén falou de que continuará a alianza coas outras axencias da UE, a de fronteiras (Frontex) e a de Seguridade Marítima (EMSA) e sinalou que nun futuro incorporaranse máis barcos para apoiar ao Lundy Sentinel, alugado pola axencia pesqueira para as súas inspeccións.