Juan Gallástegui, director xeral de Clun: «Non hai dúbida sobre a galeguidade do proxecto de Clun e Leite Celta»
GANDERÍA
O futuro conselleiro delegado de CoRural di que alianzas como esta dan maior estabilidade aos produtores e que o modelo cooperativo vai ser o sustento deste grupo, «pero teremos en conta aos gandeiros das dúas industrias»
12 dic 2025 . Actualizado á 12:04 h.A primeira foto do director xeral de Clun, Juan Gallástegui, (Santiago de Compostela, 1988) tras coñecerse que será conselleiro delegado [do mesmo xeito que o director xeral de Leite Celta, Javier Bretón] de CoRural, a alianza entre estas dúas industrias lácteas que aspiran a converterse no terceiro grupo que máis leite recolle en Galicia, é detrás dunha balanza. Ao carón, un brik de Celta. Ao outro, un de Feiraco. O directivo sostén ambas as coas mans para que a báscula non se incline máis cara a un lado que a outro. É a imaxe simbólica da unión ao 50 % entre Clun e a filial en Galicia do grupo portugués Lactogal. O matrimonio, que aínda agarda a bendición de Competencia e que Juan Gallástegui define como «unha alianza estratéxica» e «unha grande oportunidade para o campo galego», espertou sorpresa e moitas preguntas no sector. Unha das primeiras que quere despexar é o compromiso de CoRural con Galicia: «Sobre a galeguidade do proxecto, dúbidas, ningunha. Xa nos gustaría que outros actores que operan en Galicia ou pon o nome de Galicia puidesen ser galegas. Temos a produción, a recollida, a sede fiscal e a sede social en Galicia. A galeguidade é indubitada».
—Leite Celta e Clun tiveron un noivado moi discreto, por que esta unión?
—Cremos que a unión fai a forza. Levabamos moitos anos falando da necesidade de facer un gran grupo en Galicia. Ese grupo por fin chegou. É unha grande oportunidade para o campo galego agora mesmo.
—Sen coñecer detalles, esta alianza lembra a Iberleche [unha joint venture nacida no 2015 da unión temporal entre Capsa e Leite Celta para envasar marca branca e á que no 2017 uniuse Clun para descolgarse dous anos despois]. Que diferenza hai?
—Non ten case nada que ver. Non se parece en nada. Antes era unha cooperación puntual para Iberleche. E agora é unha colaboración integral en todos os aspectos. Na recollida, os gandeiros, os servizos aos gandeiros, na parte de transformación. É unha proposta totalmente diferente de valor para o gandeiro, a industria, a distribución e, por suposto, para o consumidor.
—Un temor que se desatou entre algúns gandeiros que están en Leite Celta é, pero van esixir que sexamos cooperativistas?
—Imos facer unha proposta de valor para os gandeiros. Só pode mellorar. É unha mensaxe de optimismo para o campo galego, para os gandeiros. Non hai nada aquí que non sexa mellorar para todos. Nós ofertamos o modelo cooperativo de Clun, ese modelo vai ser o sustento deste grupo, pero teremos en conta a todos os gandeiros integrados agora nas dúas industrias. E recibirémolos en CoRural cunha proposta de valor diferente para darlles estabilidade, confianza no futuro e unha mellora que debe notarse no campo galego.
—Nun momento no que as industrias loitan por garantirse a materia prima, a necesidade de manter gandeiros para o que poida suceder no futuro no sector é unha das razóns que lles levaron a unirse?
—Nós cremos na cooperación e a unión. Este é un proxecto que ten vocación de crecemento en todos os aspectos. Ninguén pode controlar o mercado, que ten os seus ciclos como en calquera sector económico, pero do que estamos seguros e no que temos a certeza é que con instrumentos como este se soportarán mellor as hipóteses do mercado.
—O prezo medio do leite en Galicia estaba en 0,524 euros céntimos, pero este mes a cooperativa holandesa Friesland Campina anunciou un prezo xa de 0,43 céntimos... Hai que estar preparados?
—Parece que pode haber un certo cambio de ciclo no sector a nivel internacional. Por iso, son máis necesarios que nunca proxectos como este, que doten de maior estabilidade e máis forza aos gandeiros para que poidan continuar crecendo e trasladas a mensaxe de activismo e confianza no sector produtivo galego, que é dos mellores de Europa.
—E agora que se renovarán contratos en marzo, van lograr atraer e recuperar gandeiros?
—CoRural terá unha proposta de valor moi interesante para os gandeiros. Con esa vocación de crecemento faremos o esforzo para que sentan todos mellor cubertos neste proxecto que noutros.
Van envasar leite coa marca CoRural?
—É unha marca de integración, é unha marca que representa a unión destas forzas complementarias que teñen a cooperativa e Leite Celta. Imos manter as marcas actuais, que están xa moi ben posicionadas ao ser unhas marcas de referencia tanto en Galicia como en España. O que imos facer é traballar con elas para potencialas, dinamizalas de forma conxunta.
—A marca de distribución vive agora un momento doce. Sábese que Leite Celta ten moitos compromisos coa distribución. Vai continuar por ese camiño ou vaise a apostar máis polo desenvolvemento de novos produtos. Clun xa ten....
—É unha empresa con vocación de crecemento, de investimento nas nosas fábricas, nos nosos produtos, en innovación e desenvolvemento, en colaboración cos gandeiros como fixemos con Unicla A2, que é un exemplo de colaboración co gandeiro. Ao ir da man, con máis recursos, máis forza, maior dimensión, seremos capaces de seguir trasladando aos consumidores o que piden con máis axilidade, máis eficiencia e tamén posicionar as nosas marcas dunha forma máis forte e contundente.
—No 2021, Carmen Lence desempoou nunha entrevista a idea de crear un grupo lácteo galego tendendo a man a Clun. Entón mostráronse dispostos a estudar calquera alternativa beneficiosa para o sector. Antes desta alianza, tiveron achegamentos doutras empresas? E por que Leite Celta?
—Clun leva no seu ADN a cooperación e a unión. O propio nome dio porque se chama Cooperativas Lácteas Unidas. Por tanto, sempre estivo aberta a estudar calquera proposta de valor que mellorase toda a cadea láctea co gandeiro no centro. É dicir, o gandeiro ten que ter unha posición máis que dominante, determinante en calquera proposta de valor no setor primario en Galicia. Calquera alianza que tivese estes valores ou compartise esa visión, pois sería benvida.
—Cando se fai unha alianza é para que todos os membros gañen. Para Clun unha vía de crecemento nesta unión, podería ser tamén comercializar os seus pensos ou os seus servizos entre os gandeiros de Leite Celta?
—Os produtos e servizos que Clun ofrece hoxe aos seus gandeiros, querémolos facer extensivos a quen queira incorporarse ao modelo cooperativo de Clun. Todo o que ao gandeiro lle supoña unha mellora, querémolo implantar. Cremos que para este proxecto é clave esta base cooperativa.
