Cospeito celebrou a súa veterana feira porcina: «O porco da casa é outra cousa»
GANDERÍA
Criadores de Lugo e da Coruña achegaron este sábado exemplares de bo prezo
29 nov 2025 . Actualizado á 14:35 h.«O porco da casa é outra cousa». Palabra dun criador como Jorge Pardo, de Sarria, que por primeira vez acudiu á Feira do Porco da Ceba celebrada este sábado en Cospeito. O desapracible tempo non desencoraxou a criadores de varias comarcas de Lugo e incluso da Coruña: na carpa instalada polo Concello, organizador do certame, apenas había unha ducia de remolques, pero vendedores e visitantes recoñecían a calidade dos animais.
Os prezos que pedían os vendedores poderían desconcertar a un comprador que acudise á feira por primeira vez. Para entender por que citábanse algunhas cifras, podería escoitar, por exemplo, o sistema de alimentación e as condicións en que viven os animais presentes nunha cita como a de onte, mostra dunha gandería a pequena escala que se afasta dos criterios das grandes explotacións.
«Moita mazá, pataca e verza» son a base da alimentación de porcos como o que levou á feira deste sábado o citado criador, que se iniciou na actividade hai dous anos e que se animou a viaxar á Terra Chá tras decatarse por internet da súa celebración. «Todo natural», dicía sobre a nutrición Jorge Pardo, que por un exemplar de 250 quilos pedía 850 euros. O diñeiro, de pecharse a venda, non sería para el: «Vou doar o que me dean a unha oenegé», comentou. A asociación é Apoio Rural, que centra a súa actividade en xente maior ou necesitada.
Dispor de animais aptos para a venda a estas alturas do ano —preto xa das matanzas caseiras, que asegurarán a moitas familias carne para varios meses comprando para o sacrificio animais en feiras como o de onte— foi o que animou a Luciano Cosme a desprazarse desde Curtis. Levou varios exemplares, e por un deles, de 280 quilos, chegaron a ofrecerlle, nas primeiras horas da feira, 800 euros. Convencido da calidade das reses, aínda confiaba en que superase esa cifra. «Non hai nada coma un porco ben criado», subliñaba.
Onda vendedores para quen a cita de onte era a primeira vez nesta feira, que ten máis de 30 anos de antigüidade, outros podían presumir de certa soleira e ata dalgún premio logrado en edicións pasadas. Era o caso de José Valín, de Outeiro de Rei, que este sábado presentaba un animal de 320 quilos: coa feira aínda lonxe do final, xa lle ofrecían 600 euros, pero el non pensaba vendelo por menos de 650. Trigo, millo e cebada, máis un corrector vitamínico, son a alimentación dos seus animais, que adoita levar tamén a feiras como a de Rábade ou a de Vilalba. A esa alimentación, ademais, engádenselle as condicións de vida dos porcos: «Son animais que andan soltos», explicou. Cando están encerrados, tamén se lles reserva espazo: por exemplo, unha porca que agardaba vender onte ten só para ela unha zona de seis metros cadrados no cortello.
Un ano «indo e vindo»
Manuel García, de Sarria, presentouse na feira, á que xa fora outros anos, con catro exemplares, que taxara en 280 euros cada un. A base para comer cereais «e un pouco de penso» chegaron a uns 130 quilos de peso. A alimentación fai supor unha calidade que se intuía polo aspecto dos animais, algo que este criador comentou con tranquila diplomacia: «Iso din», afirmou.
Preto xa do 2026, este 2025, no que a presenza do gando vacún estivo prohibida pola dermatosis nodular, non lle pareceu moi bo nin moi malo: «Foi indo e vindo», manifestou este criador.
