Rueda presiona á Facultade de Medicina de Santiago: «Ou unha facultade grande ou tres pequenas»
GALICIA
O presidente da Xunta insta á Universidade de Santiago a que resolva as súas discrepancias
01 dic 2025 . Actualizado á 19:29 h.O presidente da Xunta , Alfonso Rueda, referiuse este luns tras a reunión semanal do seu equipo de goberno á ruptura do pacto para descentralizar a docencia de Medicina, pondo o foco na USC e sobre todo na facultade, que rexeitou hai unha semana o texto previamente consensuado polos reitores.
Rueda insistiu en que a postura da Xunta é coñecida: «É moito mellor unha facultade enraizada e pensada para Galicia, unha gran facultade galega que tres facultades pequenas». O presidente instou á Universidade de Santiago a chegar a un «acordo entre eles mesmos» sobre as «discrepancias» que poidan ter sobre o acordo que aceptaron previamente os tres reitores. Sinalou que o outro camiño é, «tres pequenas facultades fronte a unha grande que represente a toda Galicia».
Ademais, interrogado sobre se a Xunta será máis proactiva en busca dun pacto, Rueda explicou que o Goberno galego segue falando coas universidades, pero lembrou que ao final a decisión depende delas, e en especial da Facultade de Medicina de Santiago, que rexeitou o acordo. Pola súa banda, insistiu en que a opinión do Executivo galego sobre o «mellor desenlace» que podería ter o conflito é coñecida, e expuxo a disxuntiva citada: «Ou unha facultade grande ou tres pequenas, que en ningún caso serían unha gran facultade galega».
Aínda que seguen as conversacións, Rueda foi tallante sobre en que tellado está a pelota: «Son as universidades as que teñen que tomar decisión, e en especial a Facultade de Medicina de Santiago».