«O cliente valora que a carne sexa da nosa explotación»

María Cuadrado Fernández
M. CADRADO RIBADEO / LA VOZ

GANDERÍA

PEPA LOSADA

Beatriz Acebedo ten unha das case 600 ganderías mariñás rexistradas na IXP Tenreira Galega ademais de contar con carnicería en Ribadeo

16 oct 2025 . Actualizado á 10:13 h.

Ademais de ter unha explotación familiar inscrita na IXP Tenreira Galega, Beatriz Acebedo conta cunha carnicería na praza de abastos de Ribadeo. Ambas as responsabilidades permiten ser unha voz autorizada na materia, e ante a clientela. Desenvolve principalmente a actividade gandeira en Folgosa, no municipio ribadense. Conta cunha cabana gandeira con ao redor de 200 cabezas, «rondamos as 100 nais, uns 60 xatos...».

Criadora de loura galega desde fai uns sete anos, ademais de estar inscrita na IXP Tenreira Galega, está na Asociación de Criadores de Raza Loura Galega (Acruga). Beatriz Acebedo, que recoñece que decidiron criar «pensando en si nalgún momento nos podía ir mal na carnicería», tamén asegura que mentres os clientes de diario valoran especialmente «que a carne é nosa», «a xente de fóra mira moito a marca. Noto que hai demanda de Ternera Suprema».

No caso do seu negocio, como para outros da Mariña, a tempada estival é unha época forte: «En Ribadeo, desde Semana Santa a outubro, máis ou menos, trabállase ben. No verán nótase moito o repunte da xente que ven de fóra, hai máis demanda e tamén hai que ter en conta que o cliente de fóra mira bastante a marca».

Ademais de conseguir «cerrar o círculo da carne» ao ser produtora e ter carnicería, Beatriz Acebedo tamén destaca que levan 18 anos co posto na praza de abastos. Cumpríronos o pasado 1 deste mes. Nese lugar atende á súa clientela en horario de mañá, de 8 a 14 horas, aproximadamente.