A rendibilidade das explotacións de vacún de carne galegas depende en exceso da PAC

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

ALBERTO LÓPEZ

Un estudo da Juana de Vega conclúe que sen estas axudas, os ingresos non permitirían cubrir nin o salario dos titulares destas granxas, responsables da xestión de máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria

11 oct 2025 . Actualizado á 20:41 h.

As axudas da PAC son determinantes para a viabilidade das explotacións de vacún de carne galegas. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado pola Fundación Juana de Vega no marco das actividades do grupo operativo Rede de Granxas Modelo, promovido por esta entidade, a IXP Tenreira Galega e a cooperativa A Carqueixa, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. O documento tamén evidencia que estas explotacións xestionan máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil e que, para que poidan seguir cumprindo este papel, é preciso garantir a súa rendibilidade e asegurar a substitución xeracional.

O obxectivo da Rede de Granxas Modelo é o de mellorar a capacitación dos responsables das explotacións e dos asesores técnicos, favorecendo unha xestión máis eficiente e logrando, desta forma, unha maior rendibilidade e viabilidade a longo prazo. Para levalo a cabo, os técnicos da Juana de Vega utilizaron a información fornecida o pasado ano por 17 explotacións de vacas nutrices que forman parte desta rede.

Os datos revelan, en primeiro lugar, que o modelo produto é de dimensións pequenas e medianas, con oun rabaño tipo de 56 vacas nutrices, 60 hectáreas de terra e sostido principalmente no traballo familiar. De media, estas explotacións venden 34 becerros ao ano, aos que hai que sumalas vendas de animais de desvieje e para vida, acadando unha produción de 10.460 quilos por gandería

Segundo este estudo, os custos ou gastos medios dunha explotación de vacún de carne ascenden a 85.950 euros ao ano, incluíndo neles o salario dos titulares como traballadores. Os ingresos, en cambio, son de 88.615 euros, o que deixa unha marxe de beneficio, a maiores do salario, de 2.665 euros por ano. En quilos de carne, isto significa que producir un quilo custa 8,22 euros de media e que este se vende a 8,47, deixando unha marxe mínima de beneficio de 25 céntimos por quilo. É máis, se se analiza a renda dispoñible, isto é, o que lle quedaría aos propietarios se non se imputase como gastos o seu salario, esta sería de 29.400 euros ao ano por explotación.

Con estes datos na man, os técnicos da Juana de Vega conclúen que actualmente as axudas da PAC son determinantes para a viabilidade destas explotacións. Porque sen elas, os ingresos non permitirían cubrir nin sequera un salario para os titulares das explotacións. «As axudas públicas equivalen practicamente á renda dispoñible das granxas, evidenciando a vulnerabilidade estrutural e a necesidade de políticas públicas estables orientadas ao fortalecemento dun sector estratéxico para o rural de Galicia», asegura o director da fundación, José Manuel Andrade. Na súa opinión, «o vacún de carne galego baséase nun modelo produtivo sostido polo traballo familiar e cunha forte dependencia das subvencións».

Andrade considera que, para garantir o futuro deste sector «é imprescindible avanzar en estratexias que melloren a eficiencia produtiva, reforcen a estabilidade económica e valoricen comercialmente a carne galega». A fundación tamén conclúe que resulta evidente a necesidade de avanzar na profesionalización e competitividade deste sector, pois estas granxas son as responsables directas da xestión de máis de 200.000 hectáreas de superficie agraria útil. A súa actividade, engade, contribúe de xeito decisivo á prevención dos incendios forestais e á conservación da paisaxe e, para que poidan seguir prestando este labor, é preciso garantir a súa rendibilidade e asegurar a substitución xeracional.

Un 67% dos ingresos procede da venda de animais e un 34% de axudas públicas

O estudo da Juana de Vega tamén analiza os principais gastos e ingresos destas explotacións, deixando claro que máis dun 30 % do que cobran procede das axudas públicas, nas que a PAC ten un peso importante. En canto aos gastos, as principais partidas son a alimentación dos animais e os salarios dos traballadores.

Cada unha destas granxas gasta, de media, 33.193 euros en alimentar aos seus animais, o que supón o 39% do seu presuposto. O seguinte gasto máis importante é a retribución das persoas propietarias, que supón outro  31%, calculada esta tomando como referencia 1,5 veces o salario mínimo interprofesional. Outro 8,4% dos gastos vaise nas amortizacións e un 6% nos alugueiros de terras e instalacións.

En canto aos ingresos, a maior parte proceden da venda de animais, principalmente, tenreiros, vacas de desvieje e animais para vida. De aí sae o 67,4% do que ingresan estas explotacións. O resto vén das subvencións públicas, que representan un 34,2%, cun peso moi destacado da PAC. Segundo a Juana de veiga, cada unha destas granxas ingresa unha media de 29.000 euros de fondos europeos.

Todos estes resultados foron presentados nunha xornada técnica na que Adrián Sánchez, técnico da Fundación, analizou tamén a conxuntura actual do sector, centrando a súa intervención nos factores que explican os elevados prezos da carne de vacún. Entre outras causas, destacou a redución da dispoñibilidade de gando rexistrada nos anos 2021 e 2022 nun contexto de prezos baixo e custos elevados, agravado pola guerra de ucrania. A este escenario sumóuselle o impacto de enfermidades como a EHE e, posteriormente, o período de dous anos necesario para incorporar novas vacas nutrices aos rabaños.