A importancia das abellas no seu día mundial, responsables de polinizar o 75% das plantas con flores

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

GANDERÍA

Agostiño Iglesias

A Agrupación Apícola de Galicia organiza unha serie de actos para recocer o labor fundamental que realizan estes polinizadores

20 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O 20 de maio é o día no que se debe lembrar o incrible labor que levan a cabo as abellas, vitais para a biodiversidade e a seguridade alimentaria. Porque durante esa xornada celébrase o Día Mundial das Abellas. Aproveitando esa efeméride, a Agrupación Apícola de Galicia porá en marcha unha serie de actos para dar a coñecer a importancia destes pequenos insectos e as bondades do mel que elaboran. Serán no Porriño e na praza de abastos de Pontevedra.

Explican nesta entidade que as abellas non só producen mel, senón que tamén son as responsables de aproximadamente o 75% das plantas con flores e do 35% das colleitas alimentarias a nivel mundial. De feito, «sen elas moitas das froitas, hortas e flores que desfrutamos diariamente poderían desaparecer», explican. Porque as abellas son cruciais para o ciclo de vida de moitas plantas e, sen o seu traballo, os ecosistemas quizais non poderían manterse. 

Na biodiversidade axudan a que os ecosistemas florezan, garantindo unha maior variedade de flora e fauna. Na agricultura, contribúen directamente á produción de alimentos, asegurando a dispoñibilidade de moitos produtos que consumimos a diario. Por iso é necesario, neste 20 de maio, recoñecer o incansable traballo das abellas e «comprometernos a coidar de elas», aseguran nesta asociación. 

Os responsables da Agrupación Apícola de Galicia desprazaranse hoxe ata a praza de abastos de Pontevedra. Alí estarán entre as dez e as once da mañá, informando os consumidores de todas as bondades das abellas e dándolles a probar diferentes tipos de mel. Posteriormente, entre as doce e a unha do mediodía realizarán esta mesma actividade na praza do Concello do Porriño.