O Mel de Galicia incrementa un 80% a súa comercialización e reforza a promoción para manter a tendencia

La Voz

GANADERÍA

O produto certificado pola IXP triunfou no SAlón de Gourmets de Madrid

12 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A comercialización do Mel de Galicia certificado pola indicación xeográfica protexida (IXP) aumentou un 80% no primeiro trimestre do 2025 respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo datos facilitados polo consello regulador da IXP Mel de Galicia. Este repunte chega tras varios anos de descenso e en pleno desenvolvemento do plan estratéxico de promoción que busca consolidar e ampliar a presenza do produto nos mercados nacional e internacional. Con todo, din que hai que ser cautos dependendo da colleita deste ano 2025 que depende de factores climatolóxicos ou da presenza de vespa velutina.

Entre os días 7 e 10 de abril, o Mel de Galicia foi protagonista no Salón de Gourmets, en Madrid, coa segunda edición do Túnel do Mel de Galicia. A actividade, organizada polo AGACAL en colaboración co Consello Regulador, permitiu dar a coñecer 32 referencias de diferentes tipos de mel —multiflorais, monoflorais (eucalipto, breixo, castiñeiro, silva) e mel de melada— de 22 marcas comerciais amparadas polo selo de calidade. «Unha forma de valorizar tanto as marcas comerciais coma os diferentes tipos de meles adscritos á IXP Mel de Galicia», afirmou Mª Esther Ordóñez Dios, presidenta do Consello.

O Mel de Galicia tamén tivo presenza destacada no Campionato de España de Pizzas Gourmet by DO Ribeira Sacra, onde foi ingrediente puntuable en todas as categorías e se premiou á mellor pizza elaborada con este produto. A programación incluíu a Master Class «Mel de Galicia: Un viaxe a través de sabores e tradicións».

Ademais, no stand de Alimentos de España do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, presentouse a peza audiovisual «Un modo de vida», dirixida por Óliver Laxe, que rende homenaxe á apicultura galega tradicional. A proxección foi acompañada dunha cata comentada realizada por Beatriz Ríos Cebreiros, responsable do panel de cata da IXP.

Aínda que os datos son positivos, desde o Consello Regulador lembran que «hai que ser cautos dependendo da colleita deste ano», marcada por factores como as condicións climatolóxicas ou a presenza da vespa velutina.