EE.UU. confirma a detección dunha nova variante do virus da gripe aviaria en gando leiteiro
![Maruxa Alfonso Laya](https://img.lavdg.com/sc/0NPhjaEA_1NGUzTXucWHF4IQiQ4=/75x75/perfiles/189/1622734659778_thumb.jpg)
GANDERÍA
![](https://img.lavdg.com/sc/vUpjXagnZUQEng9ByWhAKpcazbo=/480x/2025/02/06/00121738857721367791168/Foto/reu_20250205_191008488.jpg)
Este novo genotipo foi o predominante nas rutas migratorias de América do Norte durante o outono e o inverno pasados
07 feb 2025 . Actualizado á 10:17 h.Os servizos de inspección de sanidade animal e vexetal do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (USDA) detectaron unha nova variante do virus da gripe aviaria no gando leiteiro de Nevada. O positivo foi confirmado o pasado 31 de xaneiro polos laboratorios nacionais veterinarios, que secuenciaron o xenoma completo e detectaron o primeiro caso do genotipo D1.1 en gando leiteiro.
Segundo informa o Departamento de Agricultura no seu web, a confirmación obtívose como resultado das tarefas de rastreo e investigación que se puxeron en marcha nos últimos meses para combater o brote de gripe aviaria que está a afectar ao país. Hai que lembrar que, ata o de agora, o virus obrigou a sacrificar máis de cen millóns de galiñas poñedeiras, causando un considerable encarecemento dos ovos, e está a afectar a miles de vacas leiteiras, reducindo tamén a produción deste alimento.
As autoridades americanas continúan agora traballando con co Departamento de Agricultura de Nevada realizando investigacións adicionais en granxas, probas e recompilando máis información epidemiolóxica para comprender mellor esta detección e limitar a propagación da enfermidade. As medidas buscan evitar que esta nova variante do virus poida expandirse por todo o país, como sucedeu coa anterior.
O USDA asegura que esta é a primeira detección deste genotipo do virus en gando leiteiro, pois todas as anteriores foran do B3.13. Esta nova variante, D1.1, foi a predominante nas rutas migratorias de América do Norte durante o outono e inverno pasados e identificouse tamén en aves silvestres, mamíferos e casos de transmisión a aves de curral domésticas. Con todo, ata o de agora, non fora atopada en vacas leiteiras.
O Departamento de Agricultura asegura que esta detección non cambia la estratexia de erradicación seguida ata o de agora, senón que é unha proba da solidez da Estratexia Nacional de Probas de Leite (NMTS). Co fin de compartir información relevante coa comunidade científica, o servizo de inspección de sanida animal publicará un informe técnico sobre os achados no seu sitio web e subirá os datos da secuencia a GenBank na próxima semana.