O mildiu non se pode tratar con ventos de máis de 11 quilómetros por hora

La Voz

AGRICULTURA

MONICA IRAGO

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomenda aos viticulrores utilizar agora fingicidas penetrantes

06 jul 2025 . Actualizado á 12:04 h.

Aplicar un tratamento fitosanitario esixe tomar unha serie de medidas co obxectivo de protexer o medio ambiente e a saúde da poboación. En plena época de incidencia do mildiu, o fungo máis temido do viñedo, desde a Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, lembran que está prohibido levar a cabo esta tarefa con ventos superiores aos 11 quilómetros por hora, como os que se están rexistrando estes días. Os técnicos tamén lembran que é o momento de aplicar o primeiro tratamento insecticida fronte ao insecto que transmite a Flavescencia dourada do viñedo.

Doutra banda, o persoal desta estación aconsella aos viticultores que utilicen fungicidas penetrantes, cúpricos e de fixación ás ceras cuticulares, que son os que mellor funcionan é estas condicións meteorolóxicas nas que os ciclos da enfermidade se suceden moi rapidamente. Os técnicos consideran que a uva está a evolucionar de forma significativa porque os días de calor, unidos á alta humidade, favorecen o desenvolvemento dos acios. Así, os de albariño e doutras variedades autóctonas xa está en proceso de peche. A pesar diso, aconséllase seguir mantendo a vixilancia ante o oídio, pois un ataque mal controlado implicaría tamén a rotura da pel dos grans e a entrada da botritis.

En canto ao Black rot, non se observou presenza da enfermidade, que coas condicións meteorolóxicas e a aplicación de fungicidas nas parcelas máis sensibles, non está a dar problemas durante esta campaña. Tamén seguen sendo escasas as capturas dos machos das couzas do acio. Aínda que máis notable é a incidencia da acariosis do viñedo, que de non tomar medidas pode comprometer a calidade e a cantidade da colleita.

Para rematar, os técnicos de Areeiro lembran que é o momento de aplicar o primeiro dos tratamentos insecticidas contra o Scaphoideus titanus, o insecto que se encarga de transmitir a Flavescencia dourada, unha praga para a que ata o momento non hai cura e cuxa presenza obriga a arrincar o viñedo afectado. Estes tratamentos son obrigatorios na considerada zona demarcada, que inclúe a unha trintena de municipios do sur das provincias de Pontevedra e Ourense, pero tamén recomendados nas zonas limítrofes a esas localidades.