Xoán Allegue, Martín Códax: «No Ulla non se trata só de producir uva, senón de crear valor social e económico dende o rural»

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

MARTINA MISER

O presidente da cooperativa reitera que o seu proxecto nesa subzona de Rías Baixas busca xerar riqueza e combater o abandono

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O desembarco de Martín Códax Viticultores na subzona do Ulla está a espertar algunhas críticas. Pero o seu presidente, Xoán Allegue, ten claro que estas se deben a que non se coñece ben o que están a facer. O seu é un proxecto cooperativo, insiste, que busca xerar riqueza na zona e converter ao viñedo nun motor económico. Trátase dunha comarca cunha longa tradición vitícola que estaba a perder actividade agraria en favor do abandono.

—Por que decidiron buscar terreos no Ulla?

—É unha zona de Rías Baixas que aporta unhas particularidades e características diferentes ás do resto. E que nos encaixaba no noso proxecto. Esa frescura diferente que dá o Ulla non a tiñamos incorporada e nos parecía unha zona interesante para explorar, aínda que xa tiñamos na zona algún provedor. Vimos nel unha oportunidade real de aplicar o noso modelo cooperativo, sostible e colaborativo, respectando o minifundio e implicando á veciñanza no desenvolvemento do proxecto. Non queriamos só producir uva, senón contribuír a revitalizar a zona, dinamizar o territorio e integrar unha nova expresión do albariño que complemente e enriqueza os nosos viños.

—O Ulla estase a converter en zona de interese para grandes adegas, o seu proxecto é diferente?

—Tanto no Condado, como no Salnés e tamén no Ulla os proxectos son totalmente diferentes. Hai adegas que decidiron ir alí e fixeron cousas que nós non valoramos. Nós valoramos facer as cousas desde o local, porque Martín Códax é cultura do viño. No Ulla había unhas características de territorio e viticultura e pretendemos cooperar con todos os propietarios e integralos. Aquí non hai só unha empresa que gaña, aquí gañan os viticultores, os propietarios e moita xente. Tiñamos claro que non queríamos alterar a estrutura da terra, que nos tiñamos que adaptar ao terreo e ir a un aluguer, non mercar. E iso foi o que fixemos.

—Que buscan exactamente con este proxecto no Ulla?

—Nós non entendemos que en Galicia se estea a abandonar a agricultura. E parece que o sector do viño supón un respiro para todo ese abandono. Para nós, o Ulla é unha zona moi interesante, que xa xustificou as súas boas condicións para o cultivo do viñedo. E consideramos que era una zona moi boa para estender o proxecto de Martín Códax. Os viños do Condado, do Salnés.. xa se fixeron un oco nos mercados e creemos que os viños do Ulla poden ter tamén a súa idiosincrasia. O noso proxecto aglutina os intereses doutros veciños da zona, incluso hai un proxecto de enoturismo arredor do noso e poden aparecer outros máis. Buscamos construír a medio e longo prazo un modelo que respecte o territorio e que xere oportunidades reais para a xente que vive nel. Non se trata só de producir uva, senón de crear valor social e económico desde o rural.

—Díxose tamén que o seu é un proxecto especulativo.

—Aquí non se pode falar de especulación. O noso é un proxecto cooperativo e compartido. Queremos adaptarnos ás características da zona. E creemos que, a partir de aí, se van crear sinerxías que permitan poñer en valor esa zona. Queremos ser unha alternativa ao abandono. Creemos que as críticas teñen a óptica errada. O que fixemos foi converter o abandono nun motor económico. E estamos animando a que se creen proxectos locais arredor dos nosos viñedos.

—Tamén din que van acabar co monte para poñer viñedo.

—Hai que contextualizar ben a situación. Estase a falar de catro parcelas, dúas delas pertencentes ao mesmo propietario, que suman arredor de 20 hectáreas nas que se solicitou un cambio de uso de forestal a agrícola. Nese lugar, o propio propietario está a promover un proxecto de enoturismo con moita personalidade e futuro, que terá como eixo central o viñedo que alí se vai plantar. A finca conserva unha antiga construción e mesmo dous lagares, testemuñas dunha tradición vitícola que formou parte da identidade da zona e que agora se quere recuperar con respecto e coherencia. Aquí non se trata de acabar co monte, senón de revivir unha actividade agrícola con sentido, planificación e respecto polo que xa existe.

«Seguiremos a innovar para ser o máis respectuosos co solo, co aire o coa saúde»

Martín Códax Viticultores leva anos innovando para buscar o xeito máis sostible de producir uva. E todas esas innovacións, que xa se aplican nas plantacións dos seus socios, se aplicarán tamén no viñedo do Ulla.

—Tamén aseguran vostedes que as súas plantacións son respectuosas co entorno

—Si, e non é só unha promesa, senón unha realidade que forma parte do noso modelo. O feito de respectar a configuración das parcelas tal e como están permítenos facer plantacións verdadeiramente respectuosas. Non cortamos frondosas, mantemos todas as que hai, e nas zonas onde non se pode plantar, non se planta. Algúns propietarios ofrecéronnos as fincas enteiras, pero mesmo así deixamos zonas sen cultivar porque sabemos que é importante conservar a biodiversidade e queremos que o viñedo conviva co entorno. En canto ao uso de fitosanitarios, aplicamos os tratamentos da forma máis respectuosa posible. Contamos cun equipo de maquinaria valorado en máis de 60.000 euros, con sistemas que recuperan o produto que non chega ao viñedo, usamos boquillas de cero deriva e só aplicamos os tratamentos cando as condicións meteorolóxicas son as adecuadas, para evitar riscos innecesarios. Ademais, estamos a introducir produtos cada vez máis naturais, como extractos vexetais ou feromonas, e seguiremos innovando para ser o máis respectuosos posible co solo, co aire e coa saúde de quen traballa e vive preto das viñas. Porque para nós isto non é só unha actividade económica: vivimos onde producimos, e non hai ningún viticultor que queira deixar as súas fincas aos fillos en peor estado do que as colleu. O noso compromiso é total, non só coa calidade do viño, senón co futuro da terra.