Patrocinado porPatrocinado por

A Feira de Santos de Monterroso ten de todo: «Vendo a castaña xudía a catro euros, e por aí estana vendendo a sete»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

AGRICULTURA

A Feira de Santos da localidade da Ulloa ofreceu de novo unha gran variedade de produtos do campo

02 nov 2023 . Actualizado á 10:07 h.

A gran feira de outono da Galicia central está en Monterroso. Ofrécea Feira de Santos de todo, e ata proporciona ofertas que parecen tentadoras. «Vendo a castaña xudía a catro euros, e por aí estana vendendo a sete», dicía este mércores Hersio Jesús Vázquez, chegado de Melide a esa localidade da Ulloa para instalar un dos moitos postos da feira do 1 de novembro. Non era ese o único produto que ofrecía, pois tamén tiña, por exemplo, castaña longal a 3,40 euros o quilo. «Castaña autóctona, de aquí», subliñaba.

A abundancia de castañas é unha das características da feira monterrosina, onde agricultura e gandería danse a man. A castaña parede tampouco faltaba nese mesmo posto, onde un quilo podía comprarse por dous euros. «Houbo moita, pero mala», dicía o vendedor. Outro sinal de que o outono xa está asentado é a presenza de noces: unha bolsa de tres quilos de froito recolleito no Corgo custaba dez euros, nun ano no que a colleita parece atrasada. «Non solta ben a casca», comentaba o vendedor.

Para gardar noces ou castañas ou para outros usos, non vén mal unha cesta de vimbia. Un amplo abano de prezos, de 20 a 45 euros, podía verse no posto de Manolo Cambón, que todos os anos desprázase desde Sofán (Carballo) para pór o seu posto na feira de Monterroso. «Dan moito traballiño», dicía para explicar o prezo deses produtos. Ao lado, unhas peneiras feitas con madeira de piñeiro (as medianas custaban 25 euros) agardaban comprador.

Aínda que a situación de Monterroso facilita a presenza de vendedores e de público de distintas comarcas das catro provincias, a capacidade de atracción vai máis aló do Eo e de Pedrafita do Cebreiro. Dúas mostras: por dez, once, trece ou dezaoito euros podíanse comprar coitelos de Taramundi, municipio do occidente de Asturias que ten gran tradición na artesanía do ferro; por sete ou por quince euros, en función do tamaño, podían comprarse ristras de allos de León.

Outra clara mostra do carácter outonal deste mercado é a presenza de apicultores. Jesús Mella, da  Fonsagrada, levou a súa produción (mel de castiñeiro, e de breixo), que se vendía, segundo o tamaño dos tarros, a seis ou a dez euros. Este ano, dicía, foi malo para a apicultura. «Non vai ser posible que as colmeas sobrevivan», explicaba sobre os efectos negativos das velutinas.

Outro apicultor, Carlos Díaz, mostraba unha produción de mel de castiñeiro, con tarros de medio quilo (sete euros) e dun quilo (dez euros). «Vaise vendendo», aseguraba. A presenza de apicultores é habitual en Monterroso, o que se explicaba, segundo este vendedor, en que o outono adoita elevar as vendas de mel. Tamén a velutina foi unha molestia para as súas colmeas; e aínda o é, agregaba.

O avance do outono tamén vai causando cambios gastronómicos. Cos cocidos xa preto, podía comprarse un lacón a sete euros o quilo ou podía un levar a casa, a un euro a peza, uns chourizos curados na zona rural de Lugo. Pero ademais, estando na Ulloa, comarca de gran tradición quesera, sería estraño non ver postos con esa mercancía. Na cúpula, que con rúas e prazas ao aire libre alberga aos centenares de vendedores da feira, pezas de aproximadamente un quilo custaban 6,50 euros. «Unha vez que vides aquí, tedes que levar para toda a familia», insistía un vendedor a uns compradores.

Desiguais vendas de gando

Aínda que Monterroso viviu unha xornada de grande animación, entre os vendedores non faltaban comentarios de que había menos animación que outros anos. Ningúns achacaban ás previsións meteorolóxicas, con anuncios dun tempo desapracible que durante a mañá non afectou á vila, esa situación. Tamén comentaban algo parecido os vendedores de gando que levaron reses ao mercado.

Pablo Rielo, de Lalín, aínda agardaba o mediodía comprador para os seus cabalos. «Véndese pouco», recoñecía. Máis favorables eran as impresións de José Manuel Jacob, que fora desde O Corgo con gando vacún. Vendeu unha vaca por 3.000 euros e outras dúas por algo máis de 2.000. Aínda así, aseguraba que faltaba a grande animación doutros anos. «A economía vai a menos», afirmaba, sen esquecer que a lingua azul tamén está a afectar ao sector. As reses vendidas eran de tres anos.

Juan Jamardo, de Padrón, pedía 500 euros por cada un dos seus póneis, pero con máis consultas sobre prezos que con vendas reais. «Non é coma outros anos», comentaba.

Ademais de animais, no mercado gandeiro podían comprarse, por exemplo, chapeus a 45 euros. «É de pel. Pel, pel», aclaraba unha muller a un espectador quizá pouco experto neses produtos. E para gandeiros, aspirantes a gandeiros ou simplemente curiosos, había cayados a 15 ou a 20 euros.