Grazas a unha bolsa estudará no MIT: «Non sei como chegarei pero sei onde quero ir: a axudar ás persoas»

AINHOA PÉREZ VIGO/ LA VOZ

VIGO

Cedida

O vigués Ignacio Rodríguez de Castro estudará o próximo curso no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts

27 jun 2024 . Actualizado á 16:30 h.

De entre as 978 solicitudes que recibiu a Fundación A Caixa, tan só 100 alumnos acadaron a bolsa de excelencia que permite que cursen os seus estudos de posgrao no estranxeiro. Ignacio Rodríguez, un vigués de 23 anos, foi un dos afortunados e a partir do mes de setembro estudará un máster en Enxeñería Industrial no MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, en Boston, Estados Unidos).

Ignacio é graduado en Enxeñería Biomédica aínda que a súa idea inicial era estudar Medicina: «O meu pais son médicos e eu tiña a paixón por este tema, pola parte de intentar axudar á xente». Con todo, as súas inquietudes ían máis aló e estaba moi interesado tamén nas materias máis técnicas como matemáticas ou física. «Atopei Enxeñería Biomédica e vin que se adaptaba bastante ao que me gustaba, aínda que non a coñecía ata uns meses antes de facer selectividade», explica.

Nas súas primeira prácticas, no verán de 2022, descubriu o que foi o seu traballo ata o día de hoxe: «Fixen unhas prácticas en Porto do Molle, nunha startup pequena chamada Kune Implants. Alí tiven o meu primeiro contacto co desenvolvemento de próteses personalizadas para cada paciente».

Agora, xa graduado, traballa para unha empresa en Madrid chamada Maxilaria Surgery onde o seu posto evolucionou: «O que fago é desenvolver prótese que se adapten á persoa, ao revés do que é o máis común. Agora ensínolle o produto ao cirurxián, vou aos hospitais para mostrar como funciona a prótese e doulles soporte nas primeiras cirurxías».

Solicitou esta bolsa para estudar o seu posgrao no estranxeiro no 2023 e agora está a menos de dous meses de comezala. «Do meu grupo de amigos, só a conseguín eu. Non mo agardaba, nin que me desen a bolsa nin que me collesen no máster que quería. A bolsa danlla a un 10% dos alumnos que a piden e a xente é moi boa», explica. «Vía moi complicado que me aceptasen no MIT porque a taxa de aceptación é moi baixa, pero debeulles de gustar moito a miña candidatura. Sempre tes confianza porque se non non o fas, pero se mo dis hai un ano, igual non mo creo», explica.

Cando lle contou á súa familia que ía aplicar a esta bolsa non entendían moi ben en que consistía, con todo agora asegura que os seus pais están «moi orgullosos, agora mesmo non me baixan da nube na que me teñen»

Cursou terceiro de carreira na Universidade de California, en Irvine, polo que cruzar de novo o charco non lle asusta. «Teño moitas ganas, alí fan menos vida social que en España, pero teño ganas, quero coñecer á xente e motívame o prestixio da universidade».

Aínda non ten moi claro como será o seu futuro pero si que sabe o que quere: «Non sei como chegarei nin desde onde o farei, pero sei onde quero ir. Gustaríame poder axudar aos demais».