Unha granxa de Vimianzo ten as vacas máis «fermosas» das sometidas na provincia ao control leiteiro de Africor

GANDERÍA · Exclusivo subscritores

Alí están as oito reses mellor cualificadas, todas elas cunha valoración de excelente
28 jul 2025 . Actualizado á 08:18 h.A asociación provincial de criadores de reses frisoas (Africor) publicou a memoria correspondente ao ano pasado de control oficial de rendementos lácteos e a Costa da Morte destaca en moitos aspectos e un deles é a morfoloxía, que marca a calidade dunha res polo seu aspecto, se se adapta aos requirimentos da raza. Pódese dicir que se trata das vacas máis «fermosas» e entre elas teñen un posto especial varias da granxa A Estivada da parroquia vimiancesa de Baíñas, moi preto do límite con Dumbría. Alí están as oito reses mellor cualificadas, todas elas cunha valoración de excelente. Son Albariña, Armada, Estraña, Arrogancia, Agadea, Alicia, Abranquia e Afastada, catro delas fillas do mesmo pai. Esta explotación logrou tamén posicionar nos primeiros lugares sete primíparas. Con todo, a mellor media neste campo foi para a granxa Cundíns, de Zas, que conseguiu para 187 das súas reses unha cualificación de media rozando a categoría de moi boas.
Lactaciones
Outro dos fitos da Costa da Morte segundo os datos que publica Africor son as lactaciones. Destaca por amais de todas a comarca de Bergantiños, que é a segundo da provincia, por baixo da da Coruña, con 13.409 litros reais e 11.474 do dato normalizado. Ademais está moi por amais da media galega e supera tamén a da provincia. Por municipios é Ponteceso o que vende máis leite na zona.
Outro dos asuntos que pulsa Africor na súa memoria do pasado ano é a lonxevidade por gandería. Entre as explotacións con produción vitalicia por vaca superior a 40.000 quilos destacan A Laracha e Carballo. Na granxa do larachés José Manuel García Pedreira a media de lactaciones das baixas é de 8, o que implica que as reses pasan moito tempo producindo, algo moi pouco habitual.
Con todo, polo que respecta ás máis produtoras en toda a súa vida útil, a máis destacada é unha res de Dumbría que chegou a producir 126.500 litros. É a gandería Santa Lucía Holstein e aínda que a cantidade que achegou á granxa é moi destacada, está moi lonxe da primeira, unha de Mazaricos que deu máis de 163.622 litros. É da cooperativa Grille.
Incrementos
Africor destaca como se foi incrementando a produción. No ano 2000 as vacas daban que estaba suxeitas ao control lácteo daban 7.714 litros de media e agora son 11.249. A cantidade foi aumentado ano tras ano. Un dos motivos é que xa son moi habituais os tres muxidos e o uso de robots.
Polo que se refire a calidades, a zona non é das que ofrece as mellores. En canto a graxa Bergantiños é das que ten as medias máis baixas. Algo mellor está en proteína. Neste sentido están practicamente iguais as tres comarcas da Costa da Morte.