Os chuvascos, protagonistas durante a xornada do sábado, anticipan as choivas que se prevén para toda a semana que vén
28 nov 2025 . Actualizado á 11:36 h.Galicia prepárase para recibir a partir de hoxe unha semana pasada por auga. Empezando por esta fin de semana. Os chuvascos, que empezarán a caer este venres, serán protagonistas na xornada do sábado. Desde Meteogalicia explican que se debe á entrada dunha nova fronte —activa, sobre todo, durante as últimas horas da mañá do sábado e as primeiras da tarde—. Varrerá a comunidade «de oeste a este», aínda que a parte máis intensa recaerá sobre o sur e o leste do territorio. «Non serán grandes cantidades, como as da semana pasada ou as de fai dúas, pero a fronte pode deixar ata trinta litros nalgunha zona concreta», explican.
Para o venres prevese unha situación «intermedia» con altas e baixas presiones, ademais de nubes na metade oeste da comunidade. Nesa parte de Galicia e tamén no suroeste da provincia da Coruña poderá caer, de forma débil, algo de choiva. O domingo, despois do paso da fronte, entrará unha masa de aire máis frío. A comunidade quedaría nun estado de «transición», con chuvascos máis probables en zonas do norte da comunidade, como nos extremos das provincias de Lugo e da Coruña.
Estas choivas anticipan o que chegará a semana que vén. «Practicamente, vai chover todos os días», explican desde Meteogalicia. A tendencia será húmida e, probablemente, caerá máis auga do que é habitual para estas datas. «Imos quedar influenciados pola circulación do oeste-noroeste. Entrarán sucesivas frontes e masas de aire frío desde o norte, polo que as temperaturas serán máis baixas do habitual para esta época do ano», continúan os meteorólogos. A día de hoxe, predín a entrada sucesiva de frontes. O luns podería chover, o martes entraría a primeira fronte e o mércores, detrás da fronte, unha masa de aire frío do norte. O xoves, outra fronte: «Como resumo, podería dicirse que haberá dúas entradas de aire frío alternadas con periodos máis cálidos».
O luns, 1 de decembro, entra a tempada do inverno climatolóxico. Desde Meteogalicia fan balance dun outono que comezou con temperaturas altas, pero que baixou os graos na súa recta final ata valores por baixo dos normais para a época. «Tivemos algún día por debaixo do que é habitual, pero nada fora do normal. Isto tampouco quere dicir que veña agora un inverno máis frío nin moito menos», reflexionan. As temperaturas subirán lixeiramente o sábado e volverán baixar o domingo.