
Esta semana regresan o tempo asollado e as temperaturas altas a toda Galicia
15 sep 2025 . Actualizado á 18:10 h.O veranillo de San Miguel é un período de tempo de finais de setembro ou principios de outubro, no que adoitan producirse temperaturas máis altas do habitual e días solleiros e estables, coincidindo popularmente coa festividade de San Miguel (29 de setembro). Non é un fenómeno garantido cada ano, pero é recorrente e percíbese como un último «respiro» cálido antes da chegada definitiva do frío do outono.
Parece que en Galicia viviremos un veranillo de San Miguel adiantado esta semana, xa que recuperaremos a influencia anticiclónica e as temperaturas volverán ser máis propias do verán. Segundo Meteogalicia, este bo tempo entrará xa este martes, unha xornada na que as néboas matinais iranse disipando co paso das horas, deixando ceos despexados en todo o territorio con nebulosidade media e alta, que non impedirá o paso do sol. A temperatura máxima máis baixa será a prevista para a Coruña, 22 graos, mentres que en Ourense chegarán aos 31, e en Lugo e Pontevedra, aos 27. As mínimo, iso si, serán algo frescas no interior, entre os 10 e os 12 graos.
Para este mércores, máis do mesmo. Outro día con predominio de altas presións, con ventos que soprarán do oeste-noroeste, xeralmente frouxos, e moderados na Costa da Morte. As temperaturas ascenderán aínda un pouco máis, un par de graos en Ourense e Lugo.
Tamén agarda influencia anticiclónica sobre Galicia o xoves, con tempo seco e asollado, con ceos despexados ou nubes altas. Nesta xornada as temperaturas si que serán plenamente estivais: 34 en Ourense, 31 en Lugo, 30 en Pontevedra e 29 en Lugo e en Santiago. Esta última rabexada estival estenderase ata o venres, unha xornada na que o clima se manterá seco e con temperaturas altas para a época do ano.
Pero a partir do sábado, aínda que é pronto para confirmalo con rotundidade, o aire cálido retirarase cun descenso progresivo das temperaturas que avanzará a medida que avance a fin de semana. De feito, a probabilidade de choiva a partir do sábado será alta.
Haberá que ver se o outono xa queda connosco ou se a semana que vén, cando realmente se celebre a festividade de San Miguel, regálanos algúns días máis para gozar do bo tempo.