España pagará unha factura de 12.200 millóns de euros polo clima extremo deste verán

SOCIEDADE

É o país europeo máis afectado polos efectos da onda de calor
16 sep 2025 . Actualizado á 08:35 h.Dúas ondas de calor o mesmo verán. Unha delas, a segundo máis longa da historia. Seca e, despois, o peor episodio de incendios forestais que se lembra en décadas. España sufriu de forma especial as consecuencias dos fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático e, á parte dos efectos ambientais, a factura sairalle moi cara ao país. O custo das perdas estimadas elévase aos 12.000 millóns de euros, co que España se converte no territorio europeo que soporta os maiores gastos ocasionados por un clima cada vez máis extremo. Polo menos así se recolle nun informe elaborado pola Universidade de Mannheim (Alemaña) en colaboración co Banco Central Europeo.
Pero o ocorrido este estío moi probablemente non sexa un feito illado. Máis ben será a tónica habitual, e a factura seguirá crecendo. A mesma análise aventura que as perdas acumuladas no 2029 subirán aos 34.800 millóns de euros. España será, de novo, o país con máis dano económico.
Na valoración non se consideran as perdas derivadas dos incendios, polo que o cálculo económico total será maior.
Medidas urxentes
No conxunto da Unión Europea, a factura ascende a 43.000 millóns de euros só no que se refire a este verán. A España séguena en perdas Italia, con 11.857 millóns, e Francia, con 10.108 millóns, cifras que no 2029 poderían subir a 34.233 e 33.956 millóns, respectivamente. A cifra global para o continente para esa data sitúase nos 126.000 millóns de perdas. O informe certifica de xeito tallante que os efectos do clima extremo xa están a impactar de forma directa na economía europea, polo que os autores instan a unha urxente redución das emisións de efecto invernadoiro causantes do cambio climático. O documento, de feito, presentouse a tres días da reunión de ministros europeos de Medio Ambiente na que se debaterán os obxectivos climáticos da UE para o 2040. A conclusión é clara: a inacción ante ao cambio climático resultará moito máis cara que as medidas que se adopten para intentar contrarrestalo.
A investigación toma datos actualizados do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a medio prazo, con estimacións publicadas recentemente do impacto histórico dos fenómenos meteorolóxicos extremos na UE.
Os investigadores conclúen que o impacto negativo dos eventos meteorolóxicos extremos nas rexións europeas empeora e que a maior repercusión prodúcese a miúdo anos despois, incluso en rexións onde non se producen máis fenómenos extremos.