
Os locais ambulantes pasarán a considerarse comercios polo miúdo
28 ago 2025 . Actualizado á 11:21 h.Os postos ambulantes de venda de comida, como carpas ou foodtrucks quedarán a partir de setembro baixo o control sanitario da Xunta, ao ter que incorporarse ao Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o decreto da Consellería de Sanidade, que entra en vigor dentro de 19 días, polo que se regula este rexistro e establécense os requisitos de hixiene na produción e comercialización para determinados establecementos.
A principal novidade deste decreto, que actualiza o catálogo de actividades recollidas no rexistro, é a incorporación como establecemento de comercio polo miúdo dos locais ambulantes ou provisionais, como carpas, postos e vehículos de venda ambulantes, así como os almacéns de apoio e as instalacións de venda á persoa consumidora final.
A nova normativa asegura o deber de rexistro deste tipo de establecementos e facilita o seu control sanitario, xa que entran a formar parte dun rexistro dentro da Dirección Xeral de Saúde Pública e poderán ser inspeccionados polos concellos e/ou a Consellería de Sanidade, no ámbito das súas competencias.
Avisos e antecedentes
A Xunta xa avanzou o pasado mes de xullo, tras un brote de salmonela nas tortillas dun posto do festival Trasan Fest en Oza-Cesuras, este decreto autonómico para rexistrar a operadores como foodtrucks e postos ambulantes que venden comida en feiras, mercados e festivais, para sometelos a inspeccións sanitarias periódicas como xa ocorre con bares e restaurantes.
A lexislación autonómica actual deixaba en mans dos concellos o control da venda ambulante, pero a partir de agora estes postos deben ser rexistrados polas autoridades autonómicas e someterse a inspeccións de sanidade cuxa periodicidade dependerá do nivel de risco asociado a cada tipo de establecemento.
Os establecementos rexistrados son os que exercen a súa actividade comercial en Galicia consistente en manipular, preparar, elaborar ou transformar, almacenar ou servir alimentos para a súa venda ou entrega á persoa consumidora final ou a unha colectividade, in situ ou a distancia, con ou sen repartición a domicilio.
O decreto componse de catro capítulos e 16 artigos e establece condicións específicas para a subministración de alimentos de produción propia e produtos de orixe animal entre establecementos de comercio polo miúdo. Tamén as condicións de comercialización de alimentos preparados en locais usados como vivenda privada e para os almacéns de apoio aos establecementos de venda polo miúdo.
Entre este tipo de establecementos están contemplados os furanchos, que, doutra banda, non serán obxecto de inscrición no REGASA. Estes locais tradicionais non serán os únicos exentos, tamén o serán as máquinas expendedoras, os centros de atención farmacéutica e sanitaria, os locais utilizados ocasionalmente para servir comidas e a venda directa de produtos primarios.