Amalia de Holanda é vítima de «deepfake» tras publicarse fotografías pornográficas creadas con IA

Amara Santos REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

La princesa Amalia de Holanda
A princesa Amalia de Holanda PIROSCHKA VAN DE WOUW | REUTERS

O xa deshabilitado sitio web MrDeepFakes é a plataforma onde se publicaron imaxes e vídeos falsos da herdeira ao trono dos Países Baixos

19 ago 2025 . Actualizado á 09:14 h.

A herdeira ao trono dos Países Baixos, Amalia de Holanda, leva anos negros. Foi recentemente operada tras un accidente de cabalo, ademais de recibir ameazas da coñecida como Mocro Maffia (unha das organizacións criminais máis temidas de Europa composta por holandeses e belgas con orixe marroquí) e agora a Intelixencia Artificial (IA) entrou en xogo creándose imaxes e vídeos pornográficos falsos con ela como protagonista.

Este material foi publicado no xa deshabilitado sitio web MrDeepFakes, un espazo no que tamén apareceron  os rostros de aproximadamente 80 famosos e membros do parlamento de Holanda que foran editados nos corpos de actrices porno utilizando intelixencia artificial, segundo avanzou o diario Algemeen Dagblad. Parte dos afectados denunciaron este material no 2024.

Segundo este medio, para as fotos de Amalia de Holanda utilizouse  a técnica deepfake, que intercambia caras en fotos e vídeos facendo que pareza que unha persoa está a facer algo que non fixo nunca. Estes feitos unidos a unha vintena de denuncias de alcaldes, políticos e famosos motivaron a identificación dun dos membros de MrDeepFakes, un holandés de 73 anos.

Así mesmo, segundo medios holandeses, están á espera do expediente e pronto tomarán decisións sobre o detido, do que tratan de pescudar se ten relación co suposto fundador canadense do portal de deepfakes.