Detido un home en Vilardevós ao que lle imputan un incendio de case 600 hectáreas

La Voz OURENSE

OURENSE

O lume, de principios de agosto, afectou a sete localidades e causou dous feridos

19 ago 2025 . Actualizado á 18:14 h.

Novo detido pola Garda Civil de Ourense pola vaga de incendios forestais que arrasan a provincia. Nesta ocasión trátase dun home, de 47 anos de idade, que foi detido como presunto autor dun incendio forestal no termo municipal de Vilardevós. O incendio que lle imputan os axentes ocorreu o pasado 1 de agosto, xusto nos días previos á onda incendiaria, e calcinou unha superficie de 578,7 hectáreas, afectando a sete localidades. Nese momento, era o incendio de maior magnitude en Galicia ata a data.

O lume afectou a sete localidades e dúas persoas resultaron feridas leves. Foi necesario confinar a dúas aldeas e non logrou extinguirse ata unha semana despois, o 8 de agosto. A detención, que se inclúe dentro da operación Penas Libres, supón o arresto dun home con antecedentes en materia incendiaria. Vecino de Terroso, foi condenado por provocar varios lumes entre outubro e decembro do 2016, segundo a relación de feitos dunha sentenza do Xulgado do Penal 2 de Ourense. Foi condenado a tres anos de cárcere e a seis de afastamento deste núcleo. Foi detido, segundo fontes da Garda Civil, no seu propio domicilio tras unha investigación desenvolvida pola Policía Xudicial e o Seprona.

Catro detidos desde o inicio da onda incendiaria

Esta detención súmase a tres previas. De momento, o único que se atopa en prisión é un home ao que se imputa unha imprudencia grave no incendio de Oímbra, que queimou xa máis de 15.000 hectáreas e no que resultaron feridos moi graves tres brigadistas. A xuíza acordou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza do detido por unha imprudencia grave que causou o incendio de Oímbra. Tamén se lle imputan tres lesións graves, xa que nese lume tres brigadistas resultados feridos. Distinta sorte correron os outros dous detidos. En liberdade quedou un home de Petín ao que arrouparon os seus veciños despois de prestar declaración en Trives. Alegou que traballaba nunha devasa para salvar a súa aldea. Tamén está en liberdade unha muller de 81 anos de Celanova.