O Ministerio de Sanidade activa a alerta vermella por calor no sur de Galicia
SOCIEDADE

A chegada dunha masa de aire cálido africano deixa máxima de ata 35 graos nas Rías Baixas e o Miño de Pontevedra, o que supón un alto risco para a saúde, segundo a autoridade sanitaria
29 jul 2025 . Actualizado á 18:49 h.As altas temperaturas que durante estes días están a afectar ás Rías Baixas e ao Miño de Pontevedra con máxima de ata 35 graos dispararon as alertas tanto do Ministerio de Sanidade, que a través de Meteosalud activou o risco alto para ambas as zonas, como da Xunta, que lembrou á poboación as recomendacións para facer fronte á calor que agarda esta semana en numerosos puntos de Galicia. Este episodio, que vai durar polo menos ata o xoves, débese á chegada dun anticiclón que trouxo consigo unha masa de aire cálida procedente do sur da Península e do norte de África, hao que ocasionado un aumento das temperaturas, especialmente no sur da comunidade.
Pero, por que Sanidade activou a máxima alerta por calor e, en cambio, a Aemet (Axencia Estatal de Meteoroloxía) só mantén un aviso amarelo por altas temperaturas no Miño de Pontevedra? A resposta ofrécea o delegado da Aemet en Galicia, Francisco Infante: «Nós, na Aemet, só damos avisos por temperaturas que superan un determinado limiar, o cal se calcula segundo criterios climatolóxicos. Pero o Ministerio de Sanidade non só ten en conta a temperatura, senón que cruza estes datos cos que ofrece o Instituto de Saúde Carlos III, dependente do Ministerio, sobre morbilidade e mortalidade por calor. Esa é a razón pola que moitas veces os avisos non coinciden», explica o meteorólogo. «Por iso, en Galicia pódese dar un aviso vermello con 29 graos, como sucede nas Rías Baixas, que quizá non pareza unha temperatura alta, pero que si pode provocar problemas nas persoas máis vulnerables, como os maiores. Ademais, hai que ter en conta que noutras zonas de España a poboación está máis acostumada á calor que aquí», subliña Infante.
Entre as recomendacións de Sanidade para fai fronte a estes episodios de calor atópanse beber auga con regularidade, manterse fresco ou evitar a exposición directa á calor nas horas centrais do día. A Xunta engade outra serie de medidas, que inclúen evitar as comidas copiosas, manter os alimentos no frigorífico, non inxerir bebidas quentes, usar roupa folgada ou, en caso de estacionar un vehículo, non deixar a nenos e anciáns cos portelos pechados.