
Trece cociñeiros con estrela Michelin participan no programa Saudade
14 jul 2025 . Actualizado á 20:14 h.«Non me fagades elixir, non podo quedar cun só produto, pero me flipan os berberechos». Así o confesou Alberto Chicote, que xa tivera a oportunidade de probar os famosos bivalvos que saen da ría de Noia nunha visita anterior a Galicia. E é que o televisivo chef recoñeceu que é un namorado da gastronomía desta terra, un sentimento que foi compartido polos outros 12 cociñeiros con estrela Michelin que iniciaron en Barbanza as actividades do programa Saudade que impulsa a Deputación coruñesa.
A cita reunía todos os ingredientes para ser un éxito, e así o destacou o chef madrileño, que non dubidou en sinalar que «imos pasalo ben con toda esta xente». Xunto a Chicote tamén estaba o galego Pepe Solla, que presumiu da variedade de produtos que saen da terra e do mar de Galicia, e destacou que o verán era a súa tempada favorita para cociñar: «O peixe azul e o horto, as berenxenas nesta época están bo».
Eles dous xunto a Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregui, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, e Lucía Freitas comezaron a xornada visitando a adega Entre vos Ríos da Pobra, onde tiveron a oportunidade de coñecer paso a paso o proceso de elaboración de todos os seus viños. Coas bateas da ría de Arousa como pano de fondo, os prestixiosos chefs fixeron unha segunda parada no miradoiro da praia de Cabío, onde o grupo de restauración Chicolino encargouse de pór a mesa e o mantel, e de servir e completo menú con algunhas especialidades da zona, unha degustación na que tamén estiveron acompañados polo vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e os alcaldes da Pobra e Ribeira.

Viaxe en bateeiro
Tras repousar a comida, toda a comitiva trasladouse pola tarde á lonxa ribeirense, unha das máis importantes de Galicia, para observar como se realiza o proceso de poxa e a comercialización das distintas especies, unha visita que se completou cunha viaxe en barco bateeiro pola ría. «Só agardo que ninguén se maree», chanceaba Chicote antes de levar áncoras.
Tras o seu paso por Barbanza e Santiago, onde estaba previsto que ceasen na praza de abastos, os 13 reputados chefs —que suman 20 estrelas Michelin— porán rumbo a Coristanco, posto que a xornada está dedicada aos produtos da horta coruñesa, grandes descoñecidos para ningúns destes cociñeiros. Tras percorrer varias plantacións, finalizarán a súa visita cunha degustación onde poderán saborear algúns deles.