Segunda noite tropical en Galicia con 28 graos de madrugada en Vigo e Lousame

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

Día de calor en Lugo, con mucha gente en el río Miño
Día de calor en Lugo, con moita xente no río Miño Óscar Cela

Meteogalicia mantén as alertas amarelas e laranxa en boa parte da comunidade e a onda de calor está previsto que se estenda ata o martes

30 jun 2025 . Actualizado á 13:00 h.

Galicia viviu o que Meteogalicia define como unha «noite tropical» entre este domingo e luns con temperaturas mínimas que non baixaron de 20 graos en gran cantidade de localidades. Sería a segundo consecutiva, despois da rexistrada a noite anterior, con máxima de máis de 27 graos. 

Así, Vigo, con 28,3 graos, e Muralla, no municipio coruñés de Lousame, con 28 graos, foron as máximas temperaturas rexistradas durante esta madrugada de luns, ás 2.40 horas e 4.00 horas da madrugada respectivamente, tal e como recolle Europa Press.

Outros municipios como Cuntis (A Coruña) e Fornelos de Montes (Pontevedra) foron outros municipios galegos que superaron os 25 graos en horario nocturno. É a segunda noite consecutiva con temperaturas mínimas elevadas en Galicia no marco dunha onda de calor que afecta a toda España.

A temperatura marca do pasado domingo, segundo os valores recolleitos por Meteogalicia, rexistrouse en Ourense cidade, ás 16.30 horas, que chegou aos 42.9 graos.

Este luns, 30 de xuño, continuará a chegada de aire cálido africano a Galicia, polo que agardan ceos despexados en xeral e néboa no litoral e nas zonas de interior, que romperán co avance da mañá. A calor manterase ata este martes 1 de xullo, aínda que pola tarde se poderían rexistrar choivas nas provincias de Lugo e Ourense. O mércores é espera un descenso das temperaturas, que non superarán os 29 graos en Ourense, os 26 en Vigo e os 25 en Pontevedra. Na zona norte, A Coruña espera 19 graos de máxima, Ferrol 20, Santiago 21 e Lugo 18. 

Recomendacións

Ante este episodio de calor, a Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e nenos menores de catro anos; persoas con enfermidades cardiovasculares, con diabetes mellitus, con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Alzheimer ou patoloxías similares, así como persoas con enfermidades psiquiátricas.

Tamén todas aquelas persoas que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas persoas que pasan varias horas en exteriores.

Únete á nosa canle de WhatsApp

Por iso, a Consellería de Sanidade recomenda: beber máis líquidos sen agardar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; usar roupa de tecidos naturais, lixeira, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras, entre outras recomendacións.

En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recomendan solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.