Voz Natura recoñece o talento científico de cinco equipos investigadores escolares

m. simón gómez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

La Voz de Galicia

Os premios do concurso de ciencia entregaranse o venres no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña

26 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O xurado do concurso Ciencia que Coida e Preserva, patrocinado por Gadis, emitiu o seu fallo, no que premia os traballos de investigación de cinco equipos e pon en valor o esforzo dos docentes para levar adiante todos os proxectos e, sobre todo, para fomentar a curiosidade científica entre os estudantes. O certame organizouse no marco dunha edición de Voz Natura dedicada a promover o coñecemento e uso da ciencia para protexer o medio ambiente.

A entrega de galardóns realizarase o vindeiro venres no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña. Antes de recoller o premio (300 euros para material científico), os alumnos exporán os seus traballos. Estes son os cinco premiados:

1 CATEGORÍA INVESTIGACIÓNS

CPR Estudo (Nigrán)

SEGURIDADE ALIMENTARIA

Cinco alumnos de 2.º de ESO desenvolveron este proxecto que combina a innovación no campo da química coa concienciación ambiental. Crearon materiais biodegradables para detectar visualmente a frescura dos alimentos que permiten reducir a dependencia dos plásticos convencionais e mellorar a confianza do consumidor na calidade de alimentos envasados.

O xurado valorou a súa capacidade para ofrecer unha solución sinxela, elegante e de baixo custo ao problema da seguridade alimentaria.

2 CATEGORÍA INVESTIGACIÓNS

CPR San José (Ourense)

BIOCÁPSULAS DE GERMINACIÓN

Os autores son, tamén, de 2.º de ESO. Neste caso, catro futuros científicos que traballaron baixo a hipótese de que é posible construír diversas estruturas con materiais biodegradables e polímeros hiperhidratables que aloxen sementes de plantas autóctonas para repoboar terreos arrasados polos incendios forestais.

A súa capacidade para tratar un tema tan sensible cun enfoque creativo, a súa claridade na presentación e unha firme vocación de continuidade interxeracional no seu estudo valéronlles o recoñecemento do xurado.

3 CATEGORÍA INVESTIGACIÓNS

IES Parga Pondal (Carballo)

ECOVIGILANTES DO CHAN

Esta investigación sobre a calidade dos chans está asinada por 19 alumnos de 1.º de ESO a 1.º de bacharelato. No patio do instituto, delimitaron e analizaron minuciosamente dous transectos de 30 metros, representativos dos espazos verdes urbanos. Familiarizáronse coa metodoloxía científica e o traballo de campo en edafoloxía e botánica para chamar a atención sobre a necesidade de preservar a saúde do chan como un ecosistema esencial para o equilibrio do planeta.

O premio é para un proxecto rigoroso no que estudantes de distintos cursos aprenderon a traballar en equipo.

4 CATEGORÍA MICROEXPERIMENTOS

CEIP Mestre Xixirei (Santiago)

OBRA EFÉMERA

Os máis pequenos tamén poden e saben investigar. Proba diso é este microexperimento realizado por unha clase de 2.º de primaria (7-8 anos) e os seus profesores. Utilizaron procesos electroquímicos para obter cobre metálico a partir dunha solución de sulfato de cobre. Despois, crearon unha obra efémera sobre unha lámina de aluminio utilizando técnicas sen pigmentos, só gravado.

O xurado valorou o deseño e a orixinalidade dun experimento que promove o coñecemento de distintos materiais e as reaccións químicas, e fomenta a curiosidade científica.

5 CATEGORÍA MICROEXPERIMENTOS

CPR Pablo VI Fátima (A Rúa)

CAMBIO CLIMÁTICO

Voz Natura dedicará a próxima edición, curso 2025-2026, a combater a crise climática. Para entrar en materia, tres alumnos de 1.º de ESO analizaron como os diferentes niveis de contaminación (simulados con diversos materiais) inflúen no quecemento. Avaliaron como as estacións do ano impactan a intensidade da radiación solar e a súa interacción cos gases efecto invernadoiro.

O xurado premia a metodoloxía deste microexperimento e a súa capacidade para utilizar o método científico na observación e rexistro de temperaturas en condicións controladas e a interpretación dos datos obtidos.