
A leira de Ou Viso é un espazo educativo desde hai máis de 27 anos
05 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.Hai persoas ou grupos que se esfuerzan o indecible, gañan un premio, celébrano ao grande e non se volve a saber delas porque conseguiron o seu obxectivo. Non é o caso de Carlos Iglesias Ramos, profesor no IES de Arzúa. No curso 2022-23 gañou o premio Galicia de Voz Natura, cinco mil euros co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente e de Sogama. Por suposto que houbo festa ao grande, e pasada a resaca (non alcohólica, está claro), de novo a traballar con maior ímpeto e ilusión se cabe.
E iso é faio o profesor Carlos Iglesias, que mestura mirada ao futuro con recordos: «A leira Voz Natura do IES de Arzúa, situada en Ou Viso, leva sendo un espazo educativo desde hai máis de 27 anos». E engade: «Naquela época os traballos na parcela facíanos os compañeiros de agraria. Marina, Rial, Neira, Juan Carlos e Paco, foron un grupo de profes que se dedicaron a pór en marcha esta leira desde o principio. Meiriño, Alfonso, Lupe, Verdes, Julia, Araceli, Teresa e Carlos continuaron e continúan cos labores de conservación e mantemento da leira, realizando rozas, podas, claras, clareos, delimitando a súa superficie e manténdoa acondicionada para a realización de diversas actividades forestais e ambientais».
E aí seguen, día tras día, participando no programa Voz Natura, unha iniciativa de La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e que conta co apoio e respaldo da Xunta, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Na leira creceron e reproduciron as especies orixinais, aumentando a súa biodiversidade, co mesmo espírito de conservación e de educación ambiental. Aí é onde «o noso alumnado segue e seguirá realizando a súa formación ao máis alto nivel, promovendo o respecto pola contorna e fomentando a participación de toda a comunidade educativa», en palabras do profesor Iglesias Ramos.
Se puidesen falar, carballos, castiñeiros e chopos poderían dar fe de todo o traballo desenvolvido no IES de Arzúa (herdeiro do Instituto de Formación Profesional desa localidade coruñesa) nunha leira que entón estaba degradada e que hoxe é un exemplo ben visible de como facer as cousas pensando no equilibrio -absolutamente imprescindible e urxente- que debe manter o ser humano coa natureza. E Voz Natura estivo aí desde o principio.