As galegas maiores de 34 anos poderán conxelar os seus óvulos no Sergas a partir do 2026
SOCIEDADE
A Xunta aproba o Plan galego de reproducción humana asistida 2024-2028, que permitirá acceder a este tratamento ás mulleres que xa teñan descendencia
04 nov 2024 . Actualizado á 14:36 h.O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan galego de reprodución humana asistida 2024-2028, unha iniciativa que converterá a Galicia na comunidade autónoma coa carteira de servizos de reprodución asistida máis ampla de España, segundo destacou o presidente Alfonso Rueda ao termo da reunión co seu Goberno. O plan contará cun financiamento de 7,8 millóns de euros e implantarase de xeito progresivo durante o próximos catro anos. Rueda reivindicou que este era un dos compromisos para a lexislatura, e lembrou que o 15% das parellas necesitan este tipo de tratamentos para ter descendencia.
Esta estratexia conta con tres novidades crave. A primeira é que as mulleres maiores de 40 anos que xa teñan fillos poderán acceder a tratamentos de reprodución asistida a partir de marzo do 2025. Ademais, ampliarase o límite de idade para beneficiarse destes servizos desde os 40 ata os 45 anos. A ampliación do limiar realizarase de xeito progresivo: no 2025, as mulleres de ata 41 anos poderán acceder a estes servizos, subirase a 42 anos no 2026, ata 43 ao ano seguinte, e finalmente, ata 45 anos no 2028.
O plan tamén abrirá a posibilidade de conxelación de óvulos no sistema público de saúde para mulleres de entre 30 e 35 anos que o desexen, tamén de xeito progresivo. A partir de decembro de 2024, poderán acceder a esta opción mulleres con endometriosis ou que deban someterse a cirurxías que impliquen riscos de infertilidade.
Finalmente, a partir do 2026, a conxelación de óvulos estará dispoñible para mulleres sen patoloxías de entre 30 e 35 anos: en 2026 poderanse acoller a este servizo as mulleres de 34 a 35 anos; en 2027, as de entre 32 e 34 anos; e en 2028, estenderase ás de entre 30 e 32 anos, garantindo así unha ampla accesibilidade aos tratamentos de preservación da fertilidade na sanidade pública galega.
«É un plan ambicioso que requiere dunha importante mobilización de recursos», expuxo o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que enumerou factores como o equipamento, o persoal especializado e a implementación de sistemas de calidade.
A Xunta xa avanzara este compromiso de ampliar un tratamento que ata o de agora estaba supeditado unicamente a mulleres que inicien un tratamento oncolóxico. Ampliarase tamén agora a aquelas que sofren patoloxías como a endometriosis e a outras cirurxías con risco constatado de perda da fertilidade, así como a todas as mulleres de entre 30 e 35 anos que queiran pospor a maternidade.
En Galicia hai na actualidade ao redor de 75.000 mulleres nesa franxa de idade, potenciais beneficiarias dunha medida que se pon en marcha nun dos territorios máis envellecidos de Europa e con baixos índices de natalidade. Suporá tamén elevar de 40 a 45 anos o límite para acceder á fecundación in vitro.