Chega o río atmosférico cargado de choiva

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

MARINA FERRADÁS

Este mércores está previsto que se rexistren ata 40 litros por metro cadrado nas provincias da Coruña, Pontevedra e as montañas de Lugo e Ourense

01 oct 2024 . Actualizado á 17:20 h.

Tal e como estaba previsto, a chegada dun río atmosférico deixará este mércores abundantes choivas en case toda Galicia. Nas provincias da Coruña e Pontevedra, así como na montaña de Lugo e Ourense, hai aviso amarelo por precipitacións que poderían acadar os 40 litros por metro cadrado nesta xornada.

E é que o panorama nesta xornada seguirá dominado polas baixas presións, co paso dunha fronte activa, segundo informa Meteogalicia. Ademais de ceos nubrados, con precipitacións localmente intensas e xeneralizadas, as temperaturas manteranse sen moitos cambios, con máxima bastante homoxéneas en todo o territorio, que non subirán dos 20 graos. A mínimo máis baixa está prevista en Ferrol, con 15 graos, o que confirma que a oscilación térmica tampouco será moi ampla.

Pero estas choivas non quedarán moito tempo, xa que este xoves regresa a influencia anticiclónica. Agarda unha xornada sen choivas, aínda que si haberá algunhas nubes á primeira hora do día, que en moitos lugares quedarán durante a tarde.

O venres mantense unha situación parecida, aínda que nas últimas horas do día xa entrará unha fronte menos activa. Haberá tamén néboas en zonas do interior a primeiras horas, que se irán disipando, quedando os ceos moi abertos con nubes xeralmente altas. Pola tarde as nubes desprazaranse sobre a franxa atlántica, deixando precipitacións de carácter débil nas últimas horas do día. Nesta xornada xa notaremos un descenso nas mínimo, que quedarán por baixo dos 10 graos en moitos puntos de Galicia. Os ventos soprarán do este, cambiando pola tarde a suroeste moderados no litoral.

A medio prazo a situación aínda non está moi clara, aínda que Meteogalicia asegura que durante a fin de semana volveremos estar influenciados polas baixas presións, polo que a probabilidade de precipitacións aumentará especialmente o domingo. Pero o frío non parece que vaia facer acto de presenza de momento, xa que as temperaturas máximas manteranse en valores moi suaves.