María, premio extraordinario de bacharelato no 2016: «Sentíame unha estafa, a muller non se permite ser ''mediocre''»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

iStock

Estudante brillante, tivo a síndrome da impostora no instituto e non atopou na universidade o espazo de igualdade e liberdade que agardaba

10 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

«A proposta hame dado para pensar moito». Refírese María Gabía Rascado (Ferrol, 1998) á proposta de contar como lle ha ir a unha moza que no ano 2016 obtivo o premio extraordinario de bacharelato por ter un dos vinte mellores expedientes de Galicia. Saber cal é a opinión dunha muller de 25 anos sobre a igualdade ou o feminismo, e se atopou pedras no camiño ao longo deste tempo. Atopounas, e algunhas púxollas ela mesma debido ao que agora todo o mundo coñece como a síndrome da impostora, a falta de confianza que leva a moitas mulleres a dubidar do seu enorme potencial. «O instituto foi unha época bonita pero a pesar de ter un expediente brillante sentía que estaba a estafar a todo o mundo, sentía que non era tan intelixente e pensaba que o seu fóra un mozo non cuestionaría tanto as miñas capacidades».

María reflexiona, desde unha mocidade asombrosamente madura e con motivo do 8M, sobre unha sociedade na que é evidente que hai máis liberdades e oportunidades pero na que, «seguimos tendo moi presente a expectativa que hai sobre nós». Esta esixencia de ser «súper independente, súper libre, súper xefa e a mellor en todo. Non nos permitimos ser ‘mediocres', normais, un premio extraordinario pode parecer que dá felicidade, liberdade e seguridade, pero non ten nada que ver».

A decepción universitaria

Con este expediente esta ferrolá decidiu estudar Filoloxía Clásica. Foi ben ao principio pero fundamentalmente dúas realidades fixeron que se reformulase a súa vida: a pandemia do covid e aterrar nun mundo, o universitario, «no que crees que non vas sufrir o machismo que sufriron as nosas nais ou avoas por non poder chegar á universidade. Pensas que é un contexto no que vas ser moito máis libre, pero decepcionoume bastante». Non se refire só ás aulas, onde estas situacións foron leves, senón a toda unha contorna de ambiente estudantil no que o acoso e as agresións sexuais tamén existen, «nas festas ves cousas terribles, non é nada diferente a outro contexto».

Esa decepción, o confinamento e outros factores levárona a dicir basta e comezou a traballar. Asegura que finalizará a carreira porque lle restan poucas materias pero o seu obxectivo é cursar un ciclo superior sobre gandería ou agricultura. Quere ser unha muller comprometida e profesional pero non quere gañarse un respecto «en base a logros que chaman a atención e quedan ben desde fóra, se non me satisfán como persoa». Actualmente limpa nunha farmacia e fai unha bonita reflexión «entendín que non teño que ser ningún tipo de muller para valorarme a min mesma nin para merecer o respecto dos demais».

Unha realidade que non existe

Para María é indubidable que a sociedade avanzou en igualdade. As mulleres cambiaron e tamén a visión que elas mesmas teñen sobre si mesmas, «creo ademais que xa esiximos outro comportamento aos demais». Con todo, asegura que hai certa frustración porque a súa xeración, e sobre todo as novas, foron educadas «para vivir unha realidade que aínda estamos a construír, para un mundo que non existe aínda, e talvez iso fai que nos frustremos», conclúe.