Novas fotos de Iñaki Urdangarin e Ainhoa Armentia, a bicos no bosque mentres os seus matrimonios van camiño do divorcio

Martín Bastos

SOCIEDADE

Europa Prees

A revista «¡Ola!» publica en exclusiva imaxes da parella e afirma que a relación vai en serio e está todo aclarado coas respectivas familias

13 abr 2022 . Actualizado ás 20:50 h.

A historia de amor entre Iñaki Urdangarin e Ainhoa Armentia segue adiante. Así o recolle nas súas páxinas a revista ¡Ola!, que publica en exclusiva novas fotografías da parella, paseando «entre os bosques vascos entre bicos e abrazos», como asegura literalmente esta publicación do cuore, que apunta que todo indica que o affaire «non era flor dun día» nin unha aventura fugaz, como chegou a especularse no seu momento, nada de nada. Nesta detallada reportaxe, que ocupa seis páxinas, aclárase que aínda non están a vivir xuntos, pero que todo está aclarado coas respectivas familias e que «os matrimonios están rotos e acabarán en divorcios», aínda que non hai constancia de que se iniciaron os trámites, co que se confirman as informacións que apuntaban que Urdangarin e a infanta Cristina estaban preparando a ruptura oficial.

A revista apunta que Iñaki Urdangarin e Ainhoa Armentia «xa non comparten as oito horas que pasaban xuntos entre as paredes de Imaz & Asociados», a firma de asesoramento xurídico na que coincidiron traballando que cobrou fama cando Semana publicou as primeiras fotos da parella dando un paseo. Agora, segundo indica ¡Ola!, os dous comparten tempo na escola de ioga Sanatana Dharma e nun piso da nai de Urdangarin. Mesmo dá por feito que se realizaron moitas presentacións familiares dos dous como parella, aínda que parece que de momento os fillos dos dous, os catro de Urdangarin e os dous de Armentia, quedaron á marxe destas primeiras tomas de contacto.

A exclusiva recolle numerosas imaxes dos dous paseando polo parque natural de Garaio, preto de Vitoria, un lugar ao que adoita acudir Urdangarin para relaxarse. Nalgunha web xa poden localizarse os enclaves concretos preferidos pola parella, coma se esta fose unha nova ruta do amor. Nas fotografías vese aos dous abrazados e mesmo bicándose, vestidos con roupa informal, apurando o seu tempo libre. Ademais, os dous seguen gozando de escapadas a Francia , o lugar no que foron cazados por primeira vez cando ían da man, instantáneas que destaparon a relación.

 A infanta Cristina no seu momento xa manifestara a súa intención de romper totalmente co seu marido, afirmando que non habería «nin reconciliación nin perdón». E parece que esa postura non cambiou, porque segundo o publicado este mércores, «quere ao seu marido o máis lonxe posible», aínda que tamén se engade que «non ten ningún ánimo de vinganza» porque quere que a súa familia supere esta etapa do mellor xeito posible.

Urdangarin, de 54 anos, xa manifestou publicamente o seu desexo de mirar cara adiante, a súa intención de centrarse no futuro e pasar páxina. Na entrevista que concedeu á cadea Cope, insistiu no desexo de deixar atrás a súa etapa en prisión, na que ingresou ao ser condenado polo caso Nóos, da que obtivo o pasado xoves a liberdade condicional. O exduque de Palma e exjugador de balonmán, sinalaba entón que sentía que pagara «un prezo importante» e indicaba que atopar outra vez un lugar no mundo deporte era un dos seus obxectivos vitais. «É duro. Evidentemente é moi duro, polas condicións nas que entrei, polos anos de intentar convencer e polas circunstancias que vivín en soidade. Moi duro, si», explicou entón na súa intervención radiofónica, que estivo cargada de tensión pola súa reticencia a falar do seu período no cárcere.

Ainhoa Armentia ten 43 anos, é analista contable e o seu nome saltou á fama cando se fixo pública a súa relación con Urdangarin. Ela defínese a si mesma como unha persoa na que prima o traballo, o entusiasmo e a enerxía, e defínese como «emprendedora, polivalente e resolutiva».