Contra o que puidese parecer aburrir é verbo que nada ten que ver con ese ser entrañable e aburrido que é o asno. Pensamos que o burro se aburre porque traballa e nunca sorrí. No ser humano, o aburrimento é un síntoma diso que José Antonio Molina diagnosticou como a «síndrome da vontade perdida». Graham Greene conta na súa biografía que, de mozo, acabou indo a un dentista para que lle sacasen un dente san, para ter algo propio que contar aos amigos. E Simone de Beauvoir refire que o escultor Giacometti o día que rompeu un brazo díxolle alborozado: por fin me pasou algo! Algo que poder contar aos demais. Pero hai que andar con coidado. Vivir do conto é un falso xeito de vivir. E un non debe esquecerse de Norman Mailer quen no seu día predixo o triunfo de Kennedy sobre Nixon, baseándose en que se notaba claramente que Nixon era un «aburrido» e que Kennedy gozaba da vida, que levaba unha vida «divertida». Algo que despois algúns non perdoaron.
Un sabio
Cóntao Cunqueiro en Labirinto e Cía. Todo o que se lle ocorre a Alfonso X o Sabio ao vir a Galicia por pascua florida é pedir para comer un bo salmón e para beber bo viño de Ourense. E pedir que o sermón do mestre Johan fose breve. Non en balde pasou á Historia como Alfonso o Sabio.
www.sansalorio.es