Máis enfermos de covid-19 que nunca en toda a pandemia: 10.864 casos activos en Galicia

Uxía Rodríguez Diez
UXÍA RODRÍGUEZ LA VOZ

SOCIEDADE

CAPOTILLO

Terceiro día consecutivo por amais do milleiro de novos contagios | Hai case seiscentos hospitalizados

15 ene 2021 . Actualizado ás 21:15 h.

Galicia acadou o maior número de enfermos de covid-19  de toda a pandemia, este venres hai máis casos activos que nunca: 10.864 persoas están, nestes momentos, contaxiadas na comunidade. Supérase así o pico da segunda onda rexistrado a principios de novembro e que tamén se puxo por amais dos dez mil casos. A terceira onda avanza a un ritmo sen precedentes e, no caso galego, o número de infeccións activas practicamente duplicouse en quince días, en Fin de Ano había 5.680 infectados. 

Todas as áreas sanitarias volven empeorar os seus datos. A Coruña segue sendo a máis castigada con 2.635 casos activos (166 máis en 24 horas), a área santiaguesa suma 98 infeccións e ascende ata as 2.081. Vigo tamén engade un centenar de casos e conta xa con 1.994; Ourense, pola súa banda, acumula 1.459 enfermos de covid-19 (111 máis que onte); Lugo ten 992 (47 máis), Pontevedra 907 (40 máis) e Ferrol chega aos 796 tras sumar 86 infectados con respecto ao balance anterior. 

Por terceiro día consecutivo os novos contagios diarios superan o milleiro no conxunto de Galicia. Entre as 18.00 horas do 13 de xaneiro e as 18.00 do día 14, detectáronse 1.169 positivos (1.013 a través dunha PCR). Unha cifra que se mantén en valores similares aos do balance anterior cando se rexistraron 1.190 novas infeccións, a marca desde o inicio da crise sanitaria. O ritmo de progresión é tal que nos últimos dez días sumáronse tantos contagios (8.603) como nas vinte e tres xornadas anteriores (8.611 novos infectados detectados entre o 14 de decembro e o 5 de xaneiro). 

A taxa de positividad, segundo os últimos datos do Sergas, volve subir ata o 11,3 %, por amais do límite do 10 % que marcan as autoridades sanitarias para considerar que unha zona está en situación de alto risco e o dobre do 5 % fixado pola OMS para dar por controlada a expansión da pandemia. 

E seguindo cos parámetros preocupantes chégase ao que, sin duda, hai que prestar a maior atención: a presión hospitalaria. Xa hai case seiscentas persoas ingresadas tras sumar cincuenta nun só día. O número de pacientes nas unidades de críticos ascende a 90 (oito máis que no balance anterior) e hai outros 505 enfermos en planta. O número de hospitalizados pasou dos 337 que había o día de Noiteboa aos 595 rexistrados este venres, tres semanas despois. Os hospitais da Coruña, Santiago e Ferrol xa comezaron a reprogramar cirurxías non urxentes co obxectivo de garantir que haxas camas suficientes á hora de facer fronte á terceira onda da pandemia.

Todas as cifras anteriores se reflicten tamén no número de vítimas mortais, que ascende xa a 1.499 . O Sergas comunicou onte a última hora 14 novos falecidos, oito eles procedentes de residencias de maiores. A metade do total de mortos estaban relacionados con residencias.