A primeira vez que La Voz falou da penicilina: «É a marabilla do século XX»

SOCIEDADE

[...] «A pulmonía que afectou a Mr. Churchill foi combatida victoriosamente co penicellim. E chegou o momento de falar deste produto» [...]. En 1944, e xa ás portas de recibir o Nobel, chegáballe o recoñecemento mundial ao investigador británico. La Voz tamén se facía eco e titulaba a súa crónica (25-1-1944) como «A marabilla do século XX». Comezaba éraa dos antibióticos, que cambiaron o mundo como seguramente o fará a vacina do covid-19. Cando queira que esta chegue

14 oct 2020 . Actualizado ás 11:15 h.

Poucas semanas máis tarde de que o xornal publicase aquela extensa reportaxe no que se daba conta do sensacional achado (en realidade, Alexander Fleming descubrira a penicilina en 1928, pero ata a chegada da Segunda Guerra Mundial apenas se desenvolveu o seu traballo: necesidade obriga e os americanos puxéronse ao choio), La Voz anunciaba en exclusiva que o novo fármaco acababa de ser usado en Galicia por primeira vez en España, mentres os xornais da capital andaban ás voltas co caso da nena madrileña Amparito Peiteado e as dificultades que atopaban os médicos en conseguir a penicilina necesaria para inxectarlle. O 10 de marzo de 1944, o doutor Fernández Obanza aplicaba as primeiras doses a un grave enfermo de septicemia cardíaca que estaba a tratar no sanatorio San Nicolás da Coruña. En ambos os casos os pacientes presentaron unha rápida melloría, pero acabaron falecendo: a escaseza de dose para un tratamento adecuado frustrou a completa recuperación.

Volvendo a vista ás páxinas de La Voz daqueles anos atopámonos con circunstancias moi similares ás que envolven actualmente a espera pola vacina do covid-19. Unha pandemia (a dos anos corenta chamábase Segunda Guerra Mundial), grandes líderes políticos someténdose en persoa aos tratamentos (de Churchill a Trump, aínda que un abismo separe a ambos os personaxes) e os problemas de produción e comercialización do fármaco, que se no noso presente xa se adiviñan complexos para cando a vacina estea aprobada, en 1944 daban para o guion dunha película estilo Casabranca, con avións nocturnos levando a penicilina de estraperlo e cobrando 15.000 dólares por doses.

La Voz contaba que as primeiras bochas que aplicou Fernández Obanza no seu hospital coruñés chegaran desde Xibraltar «procedentes dalgún porto norteafricano ocupado polos aliados». Moi pronto se constituiría en España, tal e como anunciaba o xornal, unha comisión do Consello Nacional de Sanidade para regular a súa distribución. Porque na España da época, autárquica e nun contexto bélico no que Estados Unidos intentaba manter a penicilina como «un segredo de guerra», tal e como aseguraba o diario, resultaba moi pouco crible o que no diario anunciaba por eses días o doutor Pedro González, da Real Academia de Medicina de Barcelona, en relación a supostas investigacións «para obter penicilina en laboratorios españois». Na súa reportaxe do 25 de xaneiro daquel ano, La Voz explicaba que acababa de chegar ao Cairo unha cantidade «tan pequena que colle perfectamente nunha caixa de mistos» e anunciaba que nos Estados Unidos estaban a constituírse «importantes compañas para explotar a produción desta sustancia a gran escala».

Tomaz Silva

Actualmente comercialízanse centos de medicamentos co principio activo da penicilina, o fármaco que contribuíu a transformar o mundo tal e como o coñeciamos ata hai só uns meses. A saber que conta La Voz dos nosos convulsos días pre e post covid dentro de oitenta anos...

Hemerográfico de La Voz

Coa súa subscrición pode acceder a todas as noticias publicadas en La Voz de Galicia, desde 1882 ata hoxe, buscando por palabra crave