«O pico da fame aínda non o acadamos»

Marta Otero Torres
marta outeiro REDACCIÓN

SOCIEDADE

MARCOS MÍGUEZ

Bancos de alimentos e oenegués constatan que a pandemia levou á pobreza a moitas familias que estaban ao límite

12 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Fai xa case catro meses que o mundo comezou a virar a unha velocidade diferente. Pero para moitas familias parouse de golpe. As consecuencias da pandemia deixaron sen traballo a miles de persoas, moitas delas sobrevivían da economía mergullada. De vivir ao límite pasaron a non ter que dar para comer aos seus fillos. Organizacións como os bancos de alimentos, Cáritas ou a Cociña Económica estiveron ao pé do canón para soster a tanta xente, pero a cifra non para de crecer. «A pandemia ha ir remitindo —explica Pedro Pereira, presidente do Banco de Alimentos de Vigo—, pero o pico da fame aínda non o acadamos».

Pereira explica que o proceso que viviu a sociedade coa pandemia é longo e penoso e, máis aló do drama sanitario, o drama social parece que non ten solución a curto prazo. «Co que pasamos ata agora xa houbo un aumento considerable de xente que se apuntou ás oenegués, pero está a complicarse por feitos como o tema dos ERTE, por exemplo, porque algúns non se cobraron aínda. Hai cantidade de xente que está en moi mala situación e é xente que nunca estivera mal».

Os que están a cargo de as institucións comprobaron que unha das principais causas desta hecatombe é a economía mergullada. «Moita xente íase sostendo con traballos precarios, pero eses traballos desapareceron e de aí vén todo —explica Pereira—. E as análises dos técnicos confirman que a cousa vai ir francamente a peor».

Pero o lado positivo deste mal momento é «a gran lección que teriamos que aprender da solidariedade da xente». Ata agora nos bancos de alimentos, polo menos no caso de Vigo, as peticións tiveron un éxito extraordinario. Recadaron miles de quilos, sobre todo, grazas ás empresas.

Cifras duplicadas

Na Cociña Económica duplicaron o número de usuarios nos servizos básicos desde que comezou a pandemia. «Si que apreciamos que había xente que aínda non acudira ás entidades de axuda e que agora está a empezar a moverse e a acudir buscando vías para tramitar prestacións e axudas», explica Pablo Sánchez, traballador social.

Agora mesmo, a preocupación principal das persoas sen recursos é o ingreso mínimo vital. «Houbo moitas familias que quedaron sen ingresos e iso móvelles a recorrer ás entidades sociais e municipais en procura de axuda». Moitas das afectadas eran mulleres coidadoras e limpadoras de fogar, empregados de loxística, e outros moitos traballos que se engloban dentro da economía mergullada.

Luis Calviño, de Cáritas Santiago, tamén constata que a pandemia se levou por diante a «moita xente que nunca pasara por aquí, que nunca na súa vida pensou en ter que recorrer a Cáritas e atópase nunha situación realmente angustiosa». Alí atenden a xente de Santiago e tamén dos arredores. «Desde Negreira cara abaixo había moita xente, mesmo parellas, que estaban a traballar en hostalería en Santiago e que quedaron os dous automaticamente no paro». Para Calviño, o maior drama protagonízano as familias con nenos, porque «o adulto se espabila e vaise a comer á cociña económica, pero xa cando é unha familia con nenos é tremendo». Na institución as familias que demandan axuda non pairan de aumentar, e un dos problemas que máis pesan é o dos alugueiros. «Están a caernos a nós integramente, todos. E un alugueiro en Santiago xa sabemos o que supón, porque, aínda que che vaias ao arrabalde, non hai ningún que baixe de 300 euros. Se tes fillos xa rozan os 600 e é algo que nos está desbordando por completo.

O representante de Cáritas teme a un futuro no que os ERTE acaben en ERE. «Por natureza son optimista, pero a vida estache ensinando que o realismo roza moito ao pesimismo nestes momentos», conclúe.

«O futuro, a verdade, vémolo moi negro»

 Isabel é da Coruña, ten 55 anos e levaba traballando sen parar desde os catorce. Ata que no 2013 comezaron a dicirlle que non daba o perfil. E xa non houbo xeito. Os seus fillos tamén estaban case todos no paro, ou subsistían de traballos precarios que coa pandemia tamén se acabaron. Así se viron en pouco tempo sen nada, e o que é peor, sen ningunha porta á que chamar.

«Só nos atenderon, e iso quero destacalo, na Cociña Económica e na Cruz Vermella, no resto non nos collían o teléfono». De feito, de moitas entidades públicas aínda non tiveron resposta, e de momento agárranse con forza aos trámites para o ingreso mínimo vital que lles xestionou o asistente social na Cociña Económica.

«Levabamos arrastrando pobreza extrema ou exclusión social xa desde hai tempo, pero entón acábase o paro e non tes reservas... pillounos moi mal. Tamén houbo problemas coa xestión, mesmo dos vales de alimentos. Non tiñamos diñeiro nin para cargar o móbil para poder xestionar as cousas, e en ningún sitio atendíanche. Acabábasenos o saldo chamando».

«Desesperación», esta é a palabra que describe a situación Isabel. Ela vive co seu parella pero ten que axudar ao resto da familia que tampouco ten medios para subsistir. E con netos pequenos, moito peor, porque ademais «con todo isto e os nenos en casa é moi complicado».

Ao dramático dela situación súmase o problema do alugueiro. O seu, por falta de recursos, está sen pagar, e xa teñen un burofax do dono dicindo que teñen que deixar o piso «porque vía que había inestabilidade económica e quere subirnos o alugueiro, pero non podemos asumilo», asegura.

E é que atopar outro piso é máis que imposible, «unha tolemia». Pídenche por un cuarto 625 euros e tres meses de fianza, á parte de nóminas, contrato laboral, fiador «e de todo». «O futuro está moi negro, e como nós hai moitísima xente normal, que non somos maleantes nin delincuentes e traballamos sempre».