Un incendio forestal desátase xunto a un núcleo de vivendas e o novo hotel do faro de Cabo Silleiro, en Oia
OIA
As chamas obrigaron a cortar o tráfico na estrada que une Vigo e Tui pola costa e a desaloxar aos veciños e a corenta persoas aloxadas nun cámping. A cabeceira do lume diríxese cara á área do curro de Mougás
21 ago 2025 . Actualizado á 21:24 h.Varios veciños dAs Mariñas, na parroquia de Mougás (concello de Oia ), foron desaloxados das súas vivendas na tarde de hoxe ante a ameaza que supón a proximidade das chamas xurdidas nun monte próximo. O lume declarado pola Xunta de nivel 2, segue activo desde media tarde e obrigou a cortar o tráfico na estrada da rede autonómica PO-552, arteria que une Vigo con Tui pola costa e atravesa as localidades de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda e Tomiño.
O lume partiu desde as beiravías do mesmo vial, que estivo bloqueado durante algo máis dunha hora, debido á proximidade das chamas e o intenso fume que se apropiou de toda a zona, na que tamén se sitúa o hotel balneario Talaso Atlántico, nas proximidades de Baiona. Afecta a unhas vinte hectáreas, segundo a Xunta.
O lume xurdiu nunha zona de monte baixo e rapidamente estendeuse ameazando ás casas próximas, das que foron evacuados os seus residentes. O GES do Val Miñor, axentes da Garda Civil do cuartel de Baiona, integrantes da Comunidade de montes de Baredo e os propios veciños da zona están a tratar de conter as chamas e evitar que avancen cara ás propiedades.
Tamén tiveron que ser desaloxados do cámping de Mougás unha vintena de persoas debido á nube de fume que envolveu as instalacións e que dificulta a respiración.

O lume sitúase nas proximidades do rehabilitado faro de Cabo Silleiro, convertido en hotel con 16 cuartos, un conxunto inaugurado o pasado xuño polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A Consellería do Medio Rural destinou ao incendio cinco motobombas, unha pa e un helicóptero ademais de sete efectivos.
A alcaldesa de Oia, a popular Cristina Correa, indicou que o lume se iniciou a media tarde xunto á estrada, pero que o intenso vento que reina nesa zona de costa acabou por levar as chamas monte arriba, co que se teme que chegue a súa cabeceira á área onde se celebra o tradicional curro de Mougás. «Todo vai depender da dirección que tome o vento», advirte a rexedora, que testemuña que «se viviron momentos de apuro» cando as chamas se achegaron ás vivendas. Correa sinala que Protección Civil está a dar consellos aos veciños da zona para que pechen fiestras e persianas e reguen ao redor das casas.
Os bombeiros de Vigo desprazaron unha dotación de apoio a Oia, e outra ao incendio que se produciu tamén alén da ría en Vilaboa, igualmente declarado de nivel 2.