O tempo divide a Galicia en dous mentres a calor non chega

SOCIEDADE

MARTINA MISER

A situación meteorolóxica actual provocará esta semana un gran contraste entre as provincias galegas

10 jun 2019 . Actualizado ás 17:32 h.

Ningunha das últimas actualizacións dos modelos meteorolóxicos mostra un cambio importante da situación atmosférica actual. E isto non é unha boa noticia para quen consultan estes días a previsión do tempo en busca de sol e calor. 

O aire frío que sobrevoa Galicia manterase practicamente durante toda a semana, provocando que as temperaturas sexan baixas para a época do ano, tanto as máximas como as mínimas. De súpeto, o abrigo hase volto imprescindible, sobre todo polas noites. Unicamente en Ourense vanse rexistrar valores agradables, entre os 20 e os 24 graos. En Pontevedra tamén serán suaves, entre os 19 e loas 21. Nas provincias da Coruña e Lugo, o termómetro apenas ascenderá ata os 18 graos. As anomalías negativas (valores por baixo da media) superan os cinco graos en moitos casos. 

En canto ao estado do ceo, en ausencia dunha circulación do nordés, as nubes serán frecuentes. Claro que non en todas as zonas de Galicia por igual. O vento soprará do norte e noroeste e concentrará a humidade na Coruña e Lugo. A nebulosidade de tipo baixo está garantida e parece moi probable que poida caer algunhas choivas de tipo débil. Mentres tanto, en Pontevedra e Ourense, a humidade será moito máis escasa e lucirá o sol en moitos momentos. 

A medio prazo

Agora mesmo, resulta en grao sumo complicado tratar de anticipar que vai pasar co tempo a medio prazo. Galicia debátese estes días entre as borrascas, que están a asumir máis protagonismo do que quixésemos, e o anticiclón dos Azores, que por algún motivo parece ter perdido toda a enerxía de golpe. A previsión segue apuntando que a partir do xoves habería un lixeiro reforzamento da inflluencia das altas presiones pero con ventos de compoñente oeste. A fin de semana podería haber un tempo máis seco pero sen grandes ascensos das temperaturas

Lei de compensación

Esta meteoroloxía tan cambiante é o prezo que estamos a pagar por ter gozado en varias ocasións, ao longo do 2019, de episodios de altas temperaturas. A tempada de praia para moitos galegos comezou este ano alá por marzo. Pero ollo, isto non significa que exista unha lei de compensación. É dicir, como en abril e maio Galicia rexistrou temperaturas elevadas para a época do ano, agora a atmosfera estase cobrando o favor. Máis ben, o que está a ocorrer é que a corrente en chorro leva meses circulando con grandes meandros e dependendo de onde se sitúe a comunidade galega cada semana, falamos de calor excesiva ou dun ambiente térmico máis propio de principios que de finais de primavera.