Un equipo galego probará a eficacia dun fármaco para a lesión medular

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Lidera un proxecto internacional no que se intentará demostrar a eficacia dun medicamento que xa existe, libre de patente, que polo momento só está indicado para controlar os espamos musculares

28 ago 2019 . Actualizado ás 17:22 h.

Un fármaco que utilizan os lesionados medulares para controlar a espasticidad -os espasmos musculares involuntarios- podería servir tamén para favorecer a súa recuperación neurolóxica, xa que evita a morte celular e promove a supervivencia das neuronas. É o que intentará demostrar un equipo da Universidade de Santiago que lidera un proxecto internacional de dous anos de duración financiado con 200.000 euros pola Fundación Wings for Life, no que tamén colabora un grupo da Universidade de British Columbia (Vancouver-Canadá) e outro da Universidade do Minho (Braga-Portugal).

Nos estudos previos realizados en Galicia utilizouse un modelo animal, unha lamprea, para probar se o fármaco Baclofen promovía a supervivencia neuronal e a rexeneración.

«Vimos unha recuperación da función neurolóxica do animal», explica o investigador do departamento de Bioloxía Funcional da USC Antón Barreiro, que coordinará o proxecto. Logo tamén se ensaiou o fármaco con ratos, cos mesmos resultados positivos.

O equipo do Canadá, pola súa banda, analizou a partir de historiais clínicos pacientes cunha lesión medular que recibiran o fármaco para tratar a espasticidad fronte a outros aos que non se lles administrou. Nos primeiros observouse unha mellora neurolóxica.

Estes estudos ampliaranse agora nos próximos dous anos e, se se manteñen os datos favorables, proporase un ensaio clínico. Con todo, o fármaco está libre de patente, polo que será difícil convencer unha gran compaña farmacéutica para financiar as probas en humanos. «Xa non se pode volver a patentar, polo que aquí beneficio económico non imos ter. O que teremos que facer, chegado o caso, é buscar financiación en fundacións ou administracións públicas», corrobora Barreiro.

O investigador tamén cre que hai que ser prudente. «Que o fármaco funcione non significa que o paciente vaise poder levantar da cadeira de rodas, pero sí que vai ter mellorías no control motor e unha maior capacidade a nivel sensorial». En calquera caso trataríase dun avance importante que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos afectados, porque na actualidade «non hai ningún fármaco no mercado que mellore a recuperación neurolóxica nunha lesión medular».