Os premios de lotería por baixo de 10.000 euros non tributarán a Facenda

La Voz REDACCIÓN

SOCIEDADE

benito ordoñez

Ata agora só estaban exentos os inferiores a 2.500

21 dic 2018 . Actualizado ás 12:06 h.

A lotería de Nadal trae este ano unha boa noticia para moitos dos premiados, porque os premios que non superen os 10.000 euros non tributarán a Facenda, segundo o novo tratamento fiscal dos premios de lotería, aprobada en xullo. Ata esta reforma legal, tributábanse premios a partir de 2.500 €.

Melisa Sáez, avogada de ARAG, explica que a tributación non é acumulable. «Isto significa que, se una mesma persoa gaña tres premios de 5.000 euros cada un, todos eles estarán libres de impostos», afirma. Ademais, no caso de que se trate, por exemplo, dun único premio de 11.000 euros, tan só se deberá tributar polo importe que supere a cantidade exenta. É dicir, os 1.000 euros. A partir dos 10.000 euros, é do 20 % e subtráeo de forma automática Loterías e Apostas do Estado e ingrésao a Facenda.

«Os premios do ano 2019 empezarán a tributar a partir dos 20.000 euros; mentres que, en 2020, só se terán que pagar impostos os décimos premiados con máis de 40.000 euros», indica a avogada de ARAG.

Esta modificación da lei que regula a tributación nos premios de lotería non só afecta o sorteo extraordinario de Nadal, senón tamén ao do Neno e a todos aqueles premios organizados por Loterías e Apostas do Estado. É dicir, a lotería nacional, a primitiva, a bonoloto, o gordo da primitiva, o euromillones, a quiniela, Lototurf, Quíntupla Plus e Quinigol. Tamén, aos premios da Cruz Vermella e a ONCE.

Os galegos xogan por habitante unha media de 66,2 euros en lotería de Nadal, o sorteo do 22 de decembro, segundo os datos de consignación de Loterías e Apostas do Estado. Este dato é inferior ao da media estatal de gasto en lotería para o 22 de decembro, que este ano é de 67,56 euros por cidadán, segundo Loterías e Apostas.

Tamén en La Voz