A Cámara galega insta o Goberno a que garanta a custodia compartida

A Asociación de Pais e Nais Separados defende que se aprobe unha lei galega


A intención está no aire, pero a custodia compartida como primeira opción non acaba de materializarse en España máis aló de ser unha tendencia á alza, ao converterse nunha alternativa elixida por cada vez máis xuíces en base á doutrina marcada polo Tribunal Supremo ou tras a aprobación de normas autonómicas como as de Aragón, Cataluña e Navarra. Unha nova proba de que a porta está aberta a esta vía «como a máis desexable» é a proposta non de lei aprobada onte polo Parlamento galego co apoio do PP, a abstención do PSdeG e os votos en contra de En Marea e BNG, na que a Cámara autonómica insta o Goberno central a cambiar a lexislación estatal para garantir a corresponsabilidade parental cando cese a convivencia entre os membros da parella. Ademais, engade, o coidado dos fillos non ha de depender unicamente da muller.

Divorcios ~con custodia compartida

Pero a intención non basta para colectivos como a Asociación de Pais e Nais Separados, promotora dunha iniciativa lexislativa popular que, tras reunir 15.000 firmas, reclamaba unha lei galega de custodia compartida. Queren máis. Urxen aos grupos políticos a que busquen fórmulas para cambiar a normativa e, dese modo, que Galicia poida ter unha lei propia neste sentido. E como exemplo pon o caso de Valencia, onde como explica o presidente do colectivo, Lois Toirán, «aínda que o Tribunal Constitucional anulou a súa lei e decretou que Valencia non tiña competencia para aprobar normas correspondentes a asuntos de familia, os grupos políticos presentaron por unanimidade unha fronte común onde reclaman unha reforma da Constitución para ter capacidade xurídica nese campo. Iso é o que reclamamos que fagan aquí, porque os nosos grupos parece que están nun prado escoitando os grilos cantar». Ao seu xuízo, o proxecto de lei aprobado onte non é máis que «unha burla por parte dos grupos políticos, sobre todo dos que din que son nacionalistas como o BNG ou dentro de En Marea, Podemos e IU, de non tratar de que Galicia teña capacidade de decisión en asuntos de familia», apuntou.

Amplo debate

Dese modo recordou o debate ao redor da iniciativa lexislativa popular para regular en Galicia a custodia compartida, admitida a trámite polo Parlamento e sobre a que, posteriormente, todos os partidos presentaron emendas á totalidade ante a inseguridade xurídica que implicaba darlle luz verde. «Realmente, polo que puidemos coñecer non houbo debate sobre qué poderían facer ou non. Foi unha decisión política, non xurídica», engadiu.

Aínda que non comparte a actitude dos partidos encomiou o apoio que lles prestaron deputados como a popular Paula Prado, a socialista Patricia Vilán ou Luís Villares , de En Marea. Ademais, avanzou que, a pesar de non haber ir adiante a súa iniciativa, «non vai ser un punto e final porque non imos deixar de loitar. Faremos unhas xornadas coa Escola Galega de Administración Pública».

No entanto, polo momento, han de conformarse coa proposta aprobada onte no Parlamento porque, como recordou a deputada popular Paula Prado onte, en referencia á iniciativa lexislativa popular presentada polo colectivo, «ante as dúbidas sobre o constitucional pediuse un informe á Comisión Superior para o Estudo e Desenvolvemento do Dereito Civil Galego, que confirmou que non era competencia autonómica». Ademais, non esqueceu resaltar que o cambio normativo ten que «garantir os dereitos dos fillos para relacionarse cos pais», illando os problemas xurdidos nas relacións de parella. «Xa non falamos dun modelo tradicional de parella porque na actualidade hai parellas casadas, non casadas ou do mesmo sexo, entre outras», dixo.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
3 votos
Comentarios

A Cámara galega insta o Goberno a que garanta a custodia compartida