O último neandertal viviu en Cova Eirós

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Mila Méndez / Nacho L.Tella

A Xunta blindará a contorna para evitar que a actividade na zona o dane

14 ene 2017 . Actualizado á 12:43 h.

«Os arqueólogos tenden a pensar que o seu xacemento é único», recoñecía onte o profesor da USC Ramón Fábregas. Con todo, este o é. É un dos 20 xacementos españois no que se documentou a existencia de neandertales e sapiens. Nel apareceu o obxecto de adorno máis antigo de Galicia, un colgante feito cun dente de raposo que ten 26.000 anos. E nel dátanse mostras de arte parietal de 10.000 anos. É a Atapuerca galega

Ese xacemento único que se está estudando baixo a dirección de Fábregas e de Arturo de Lombera, é Cova Eirós, unha sima de Triacastela na que se atoparon trazas da presenza humana desde os últimos anos dos neandertales ata as comunidades campesiñas altomedievais (do século XI), pasando por grupos cazadores do Paleolítico superior e os primeiros agricultores do neolítico. E aquí viviron os últimos neandertales que habitaron o norte da Península. «Cova Eirós é un sitio bastante extraordinario», non só por ter documentada esa transición entre os últimos neandertales e os primeiros humanos modernos, senón que hai unha historia de utilizacións posteriores da gruta, que es «un libro complexo, con varios volumes, unha enciclopedia sobre a historia máis antiga de Galicia», dicía Fábregas na presentación dos resultados das escavacións do último bienio.

Cova Eirós salvagardou durante miles de anos as probas de como vivían os neandertales: as súas ferramentas, as evidencias da caza e do aproveitamento dos animais e incluso unha das poucas fogueiras que se coñecen do Paleolítico medio. Tamén ofreceu probas das innovacións tecnolóxicas e estratexias de subsistencia que chegaron cos humanos modernos, e sobre todo probas das preocupacións máis aló das da vida diaria: o colgante feito cun cairo de raposo, «un fito dende o punto de vista da creación artística do humano moderno» ao que se suman tamén as decoracións dunha punta de proxectil.

Álvaro Ballesteros

Con todo, o que lle deu fama á cova é a aparición de arte parietal. Ningúns dos paneis xa se dataron nos últimos momentos do Paleolítico superior. «A cronoloxía absoluta apunta a que algúns destes paneis se remontan a máis de 10.000 anos de antigüidade», o que a converte na arte parietal «máis antiga do noso país». Nas próximas campañas, adiantou o director científico da escavación, seguirán profundando no uso da fotogrametría, non só para documentar os achados, senón para que «a xente comprenda mellor a disposición dos gravados e das pinturas e as características da cova».

As grandes liñas de investigación que se seguirán no futuro pasan por continuar documentando do xeito máis exhaustivo posible a arte parietal e tamén por avaliar o estado de conservación e as medidas precisas para garantir que o xacemento sexa preservado. «Se cando menos aturou o paso do tempo durante máis de 10.000 anos é importante establecer as garantías necesarias para a preservación desa arte».

Protección garantida

«En certas ocasións tense dito que a Cova de Eirós estaba desprotexida, e creo que é unha información se non errónea non certa de todo», subliñou o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez que definiu o xacemento como «o noso particular museo da creación rupestre». Porque, segundo explicou o responsable autonómico, «Cova de Eirós, como todo lugar que conteña unha manifestación de arte rupestre, é BIC (Ben de Interese Cultural) por definición» segundo a Lei de Patrimonio. A Xunta está a traballar na delimitación do ámbito territorial «para acotar o espazo que merece ser conservado». A delimitación, ademais, posibilita que se compatibilicen diferentes usos na contorna partindo sempre do «respecto e todo ou que ten que ver coa conservación do ben».