Cova Eirós dá pistas sobre a extinción do neandertal

Susana Luaña Louzao
S. Luaña SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDADE

Fósiles animais do xacemento de Triacastela guindan luz sobre a desaparición da especie

25 oct 2016 . Actualizado á 05:00 h.

Desde que no ano 2008 empezaron as escavacións en Triacastela, o xacemento de Cova Eirós manifestouse como unha auténtica enciclopedia para o estudo da evolución do home, e máis concretamente, dos cambios que se rexistraron entre o Paleolítico medio (cunha antigüidade de 40.000 anos) e o superior inicial (32.000 anos), período histórico no que se produciu a desaparición do home de neandertal para dar paso aos primeiros grupos humanos anatomicamente modernos. E neses estudos teñen un protagonismo especial os restos dos roedores achados na cova, tal e como se deu a coñecer nun traballo publicado na prestixiosa revista Quaternary Science Reviews e no que participou un equipo da Universidade de Santiago que forma parte do grupo que leva a cabo as escavacións, xunto con investigadores de universidades italianas e alemás.

Tal e como explica o profesor da USC Ramón Fábregas, os pequenos vertebrados -na súa maioría ratos e morcegos, aínda que tamén hai serpes e ras- «son moi bos informadores», porque ese era o seu hábitat natural -é dicir, non foron introducidos no lugar polo home- e, ademais, son sensibles aos cambios climáticos.

O estudo de 208 fósiles achados nas covas lucenses guindou un pouco de luz sobre as investigacións das causas da desaparición do neandertal. Porque aínda que é certo que foron varios os factores que acabaron cos antigos habitantes das covas do noroeste peninsular, achegábanse entre eles condicionantes climáticos que, a entender destes estudos, perden algo de peso. «Non hai moito contraste no clima; era algo máis frío que o de agora, pero non pensamos que ese sexa o factor principal». Os ósos dos roedores de Cova Eirós deixárono escrito.