09 jul 2011 . Actualizado á 06:00 h.

Desde que Gaspar Tagliacozzi describiu en 1596 o primeiro autoimplante de tecido nasal humano ata a actualidade, o mundo do transplante viviu en permanente evolución. A realización do primeiro implante traqueal sintético recuberto de células nai do propio paciente marca un novo fito médico. Por primeira vez, a combinación de biotecnoloxía e investigación en cultivos celulares logrou o desenvolvemento no laboratorio dun órgano que reproduce as funcional do orixinal e que, ademais, non presenta rexeitamento, ao non requirir a participación dun doante. Os primeiros pasos son sempre importantes e, aínda que a traquea é un órgano cunhas funcións máis limitadas no organismo que corazón, fígado ou ril, este grande éxito fainos soñar coa posibilidade de producir órganos sen as limitacións actuais. Mentres tanto, debemos seguir apostando pola solidariedade a través da doazón como única forma de poder trasplantar aos nosos pacientes.