HBO baixará ao fondo do océano con «Sphere»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PRATA Ou CHUMBO

Os creadores de «Westworld» converterán en serie o superventas de Michael Crichton, levado ao cine por Barry Levinson en 1998

29 ago 2020 . Actualizado á 10:05 h.

Dustin Hoffman, Sharon Stone, Samuel L. Jackson e Liev Schreiber deron vida en 1998 á novela Sphere (1987), un dos éxitos superventas de Michael Crichton. Fixérono baixo a dirección de Barry Levinson nunha película que non tivo unha boa acollida nin no despacho de billetes nin entre a crítica. Agora, o libro buscará unha nova oportunidade e volverá servir como base para unha serie de televisión homónima que preparan para HBO Jonathan Nolan e Lisa Joy.

Nolan e Joy, que xa traballaron a partir dun material orixinal de Crichton na serie Westworld, estarán acompañados na produción desta nova serie polo actor Robert Downey Jr. e a súa esposa Susan Downey.

Denise Thé, produtora e guionista en Westworld, será a máxima responsable desta nova adaptación de Sphere.

Por agora non hai detalles de quen comporá o elenco nin de como se adaptará á pequena pantalla esta atafegante historia que xira ao redor do descubrimento na profundidades do océano do que parece ser unha nave espacial, un misterio que un grupo de científicos tratará de resolver.

Nolan e Joy, que son matrimonio, son agora mesmo uns dos produtores máis requiridos pola industria audiovisual en EE.UU. tras o éxito que cultivaron coa ambiciosa e sisuda Westworld. Á marxe da cuarta tempada desta serie, tamén están a traballar nunha adaptación televisiva do videoxogo Fallout para Amazon, compaña coa que asinaron un pacto global de produción e desenvolvemento de proxectos que levarán a cabo en exclusiva en canto rematen esta serie para HBO.