Desde as catro da mañá facendo cola fronte a unha inmobiliaria de Santiago: «Se non o fas, o teu piso vai ser do peor»
VIVIR SANTIAGO

No primeira mañá na que se ensinan os alugueiros para o próximo curso universitario, decenas de estudantes agardan en fila fronte á axencia Julio Gerpe para ser os primeiros en velos
02 jul 2025 . Actualizado á 16:34 h.Unha fila india de mozos sorprendía esta mañá aos que aos que cruzaban a Avenida de Vilagarcía, en Santiago. Agardaban a que a inmobiliaria Julio Gerpe, unha das máis grandes da cidade, abrise as súas portas. O primeiro día no que se ensinan os pisos destinados ao alugueiro universitario deixa unha imaxe que se repite curso tras curso: axencias desbordadas e estudantes que xa non esixen, se non que se conforman. Unha hora antes de que o local de Conxo subise o enreixado, ás dez da mañá, a cola xa perfilaba a curva que conecta a rúa coa Avenida de Ferrol. Os primeiros grupos contan que chegaron a iso das catro da mañá, mentres que os últimos afrontan a espera con pesimismo. «Vendo onde estamos non creo que nos quede moito», comentan, xa que as visitas se ordenan por orde de chegada.
«As catro non é unha hora tan temperá. Se chegásemos media hora máis tarde, xa non seriamos os primeiros nin os segundos», explican Alejandro, Iago e Juan, os tres mozos que encabezan a fila. O primeiro chega desde Lugo e os outros dous desde Vigo. Contan que só estiveron dez minutos sen compaña. «Nós levamos desde as seis e vinte, pero o noso compañeiro de piso veu ás catro. El agora está a traballar e viñemos para facerlle a substitución», explica Carlota, segundo na cola. Ela, que xa leva varios anos vivindo en Santiago, é consciente do esforzo que supón atopar unha vivenda no mes de xullo: «Se non fas isto, o teu piso vai ser do peor».

Aínda que ela leva xa tempo na cidade, é a primeira vez que ten que «pelexarse» por un alugueiro. Lembra que outros anos foi moito máis doado dar cun piso antes de entrar no verán. A maioría dos estudantes que xa viviron en Compostela, cando conseguen unha vivenda, agárranse a ela ata que rematan a carreira. «Intentas falar coa xente que coñeces para ver se saben de alguén que deixa o seu piso e pódeste quedar ti con el. Apalábralo e afórraste o abafo de non ter nada en xullo. Logo, non o soltas», comenta Ainara Abril, tamén na cola.
Era a idea de Marcos Vázquez, que agarda onda os seus dous compañeiros un pouco máis adiante, aínda que as condicións ás que pasaba o seu contrato de alugueiro para este curso non lle permitiron facelo: «Eu levo aquí seis anos. Os primeiros cursos estiven nun piso bastante económico, pero despois cambieime a outro que era máis precario e en malas condicións. Subiron o alugueiro 150 euros sen xustificación algunha e tivemos que marchar».

Chegaron á Avenida de Vilagarcía ás seis da mañá e, para a espera, trouxeron ata unha cadeira pregable. Os días anteriores buscaron vía en liña, pero non chegaron a ver nada. «Buscamos, polo menos, un piso habitable, mínimamente reformado. Gustaríame un piso no que me sentise cómodo e que tivese un prezo razonable», explica Marcos, que resume ben as expectativas do resto de mozos que agardan fronte á inmobiliaria. Conscientes da escasa oferta, non esixen máis que o básico. Cando se lles pregunta polo que desexarían atopar, a gran maioría responde coas palabras barato e habitable. «Algo barato, xa que a vivenda hoxe en día está bastante cara, e que nos quede preto para ir camiñando», resumo Marcos, David, Ángel, Antón e Raúl, que chegaron ás catro e media da mañá e que non lembran agardar con tanta antelación por nada máis, «nin para un partido no Bernabéu».

A inmobiliaria Julio Gerpe ensina hoxe os pisos de tres e de catro cuartos. Para evitar as colas que se formaron en anteriores ocasións, dividiu aos interesados en grupos. Mañá é a quenda dos dunha e dous cuartos, aínda que os estudantes que agardan pola súa quenda na fila confían en atopar algo o máis pronto posible.