Que ver desde o Monte Gaiás? Os percorridos que propoñen mirar Santiago desde as súas terrazas

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

Cedida

O grupo Triade de Innovación Docente, formado por 41 profesores da Facultade de Xeografía e Historia da USC, inauguraron onte un proxecto cultural que propón revisar Compostela con outra mirada

24 abr 2025 . Actualizado á 08:36 h.

Onte, nunha tarde na que o tempo respectou en Santiago, arrincou desde a Facultade de Xeografía e Historia da USC, un proxecto cultural inédito, que propón realizar percorridos por Santiago desde as súas terrazas. Detrás da iniciativa está o grupo Triade de Innovación Docente, formado por 41 profesores desa facultade compostelá.

«A vontade é impulsar a interdisciplinariedade que existe no noso centro entre os departamentos de Historia, Xeografía e Arte a través de percorridos nos que membros do grupo Triade irán facendo comentarios sobre a cidade; do que se ve, desde eses tres puntos de vista», aclara en RadioVoz Pedro de Llano, un dos tres profesores -no seu caso, do departamento de Arte- que onte participaron na primeira visita, xunto a Antonio Míguez, decano e profesor de Historia, e Miguel Pazos, de Xeografía.

O percorrido partiu ás 17.00 horas da Facultade de Xeografía e Historia da USC e, tras atravesar parte de Compostela, chegou sobre unha hora máis tarde ao miradoiro do Monte Gaiás. «Desde ese punto pódense ver moitas das transformacións de Compostela no século XXI, incluíndo a propia Cidade da Cultura, ou tamén, os distintos modos de produción que se solapan na cidade. Aprécianse barrios máis rurais, máis urbanos, os novos barrios, o crecemento da cidade, a expansión cara a periferia… Pódese falar dende alí do turismo e do transporte, ou, mesmo valorar o papel dinamizador que o arte e o patrimonio seguen a ter neste nova era de Santiago», encadea con entusiasmo Pedro de Llano.

«Confiamos en que os participantes poidan descubrir unha visión de Compostela distinta a partir dun diálogo entre disciplina diversas, pero tamén relacionadas, que permiten realizar comentarios desde unha perspectiva máis histórica, ou de construción política, social, económica de Santiago, así como focalizar, a través dos percorridos pola cidade, nos distintos tipos de paisaxes urbanas. Creo que van saír ideas novas. Retroalimentarémonos, tamén cos comentarios dos participantes», avanza, aclarando que a iniciativa, que aínda xurdiu no grupo Triade ao redor de Semana Santa, ten visos de continuar con novas paradas en lugares como os tellados da Catedral ou o alto da propia Facultade de Xeografía e Historia. «Aínda estamos barallando as opcións», relata, feliz de como xurdiu o primeiro percorrido.

«No grupo Triade tratamos de buscar xeitos de innovar desde o punto de vista da docencia; é dicir, de como podemos bosquexar unha docencia que vaia máis alá das clases formais que temos na Facultade; que poida adoptar novas aproximacións á ensinanza, sobre todo tamén a través dun concepto importante hoxe en día para a universidade, como é o da transferencia, o de facer participar á sociedade do que levamos a cabo na universidade. Intentar crear unha ponte... A idea das terrazas de Compostela naceu para difundir eses coñecementos e compartilos», realza Pedro de Llano.

As visitas ábrense así tanto a estudantes da USC como a veciños de Santiago, que onte puideron revisitar a capital galega desde o Gaiás.